O Consello da cultura galega na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 21 e 22 de xullo

O Consello da Cultura Galega estará presente na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia coa presentación dun avance do proxecto audiovisual A memoria do teatro galego na Transición e unha mesa redonda arredor Cincuenta aniversario da Mostra de Teatro Abrente e a súa importancia no nacemento do sistema teatral galego.
Presentación do proxecto audiovisual A memoria do teatro galego na Transición21 de xullo de 2023
Museo Etnolóxico de Ribadavia
O venres, 21 de xullo de 2023, ás 19 horas terá lugar a presentación dun avance do proxecto audiovisual A memoria do teatro galego na Transición, que está a realizar o Consello da Cultura en colaboración coa Academia Galega de Teatro ao longo dos anos 2023 e 2024. Trátase dun proxecto de recuperación, a través da memoria dos seus protagonistas e de documentos audiovisuais da época, da actividade teatral en Galicia nos anos setenta e oitenta do século XX, un período de tempo fundamental para a construción da identidade social e cultural da Galicia contemporánea. Esta reconstrución da memoria estase a realizar a partir da recompilación dos feitos e das creacións que podemos considerar fundacionais do teatro profesional galego, por medio de entrevistas rexistradas en audiovisual e coa participación das persoas que foron parte activa do movemento teatral independente galego. O período a analizar abrangue desde mediados dos anos sesenta ate finais dos oitenta do século XX, abordando nesta primeira fase do proxecto O teatro independente (1965-1978) e A profesionalización. A Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980).No acto participarán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; César Fernández, alcalde de Ribadavia; Imma António Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro; Roberto Pascual, director da MIT; Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura e Tito Asorey, director das dúas primeiras pezas audiovisuais do proxecto. Estas dúas primeiras pezas, en actual elaboración, están dirixidas por Tito Asorey, con axudantía de dirección de Sara Rey, fotografía de Jairo Iglesias e Pedro Tizón, montaxe de Jairo Iglesias e Tito Asorey, baixo a Coordinación da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura. Nestas gravacións participaron Carlos Alonso, Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Manuel Amenedo, Xerome Calero, José Luís Chao, Manolo Coruxo, María Costas, Luísa Escudero, Manuel Guede, Luma Gómez, Xulio Lago, Miguel Llanderas, Manuel Lourenzo, Luísa Merelas, Francisco Oti, Gonzalo Rodríguez, Xosé Manuel Rabón, Mabel Rivera, Euloxio Riubal, Antonio Simón, Gonzalo Uriarte, Cándido Pazó, Miguel Pernas, Doro Piñeiro, Laura Ponte, María X. Porteiro, Isolina Rionegro. Entrevistados por Tito Asorey, Inma López Silva, Roberto Pascual, Melania Cruz, Vanesa Sotelo, Roi Vidal Ponte e Dolores Vilavedra.
Mesa redonda: Cincuenta aniversario da Mostra de Teatro Abrente e a súa importancia no nacemento do sistema teatral galego22 de xullo de 2023
Museo Etnolóxico de Ribadavia

O sábado, 22 de xullo de 2023, ás 19 horas celebrarase a mesa redonda arredor do Cincuenta aniversario da Mostra de Teatro Abrente e a súa importancia no nacemento do sistema teatral galego. No debate, moderado por Comba Campoi, participarán Rosa Álvarez, José Luis Chao, Luisa Escudero, Antonio Simón, Antonio Durán Morris e Francisco Oti.
Os actos terán lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia (Rúa Santiago, 16, 32400 Ribadavia, Ourense).

A asistencia é libre é gratuíta.

AVANTAR ACTIVIDADES

Será un pracer, como participante no proxecto de recuperación da memoria do teatro galego na Transición, contar coa túa presenza.