O deputado César Fernández destaca na XV Festa da Palabra o “carácter diferenciador e enriquecedor da nosa lingua”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Na Insua dos Poetas, o representante da Deputación significou a importancia dunha cita “na que homenaxeamos a persoeiros claves da nosa cultura, como é o caso de Arcadio López-Casanova, figura fundamental da poesía renovadora dos anos 60” 

Fernández participou tamén na entrega dos premios Insua dos Poetas 2023, que recaeron en profesionais e colectivos dos ámbitos cultural, social, medioambiental e deportivo 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 29 de xullo de 2023.- O deputado provincial César Fernández participou esta mañá nos actos programados con motivo da celebración da XV Festa da Palabra, no espazo de natureza e cultura da Insua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño), onde este ano foi homenaxeado o lucense Arcadio López Casanova, escritor, profesor, poeta e ensaísta falecido o pasado ano. 

No encontro, organizado pola Fundación Insua dos Poetas co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, César Fernández destacou “o carácter diferenciador e enriquecedor da nosa lingua”, ao tempo que puxo en valor a achega que fai á nosa identidade, “recoñecida e respeitada a nível universal”. 

O deputado significou a importancia da Festa da Palabra no panorama cultural galego, “celebración na que homenaxeamos a persoeiros claves da nosa cultura, como é o caso de Arcadio López-Casanova, figura fundamental da poesía renovadora dos anos 60”. 

César Fernández quixo subliñar o “compromiso férreo” da Deputación de Ourense coa nosa cultura, uníndose un ano máis a esta celebración “para defender a importancia de contar con unha lingua e unha cultura de noso”. Unha lingua, apuntou, que tamén “nos conecta con todo o universo lusófono, unha riqueza que non podemos desprezar”. 

Fernández tamén participou na entrega dos premios Insua dos Poetas 2023, que recibiron unha peza escultórica do artista ourensán Acisclo Manzano. Os sete galardoados foron: no apartado de Creación Artística, o fotógrafo Xulio Gil; en Literatura, a escritora Concha Blanco; na Defensa do Medio, a Fundación Eira; en Cultura Galega e Emigración, a familia Fragoso-Pegito de Bos Aires; en Acción social, a Federación Down Galicia; en Iniciativa Cultural, a Festa da Istoria de Ribadavia; e como colectivo destacado do Carballiño, o CD Arenteiro. 

Con motivo da homenaxe ao escritor lucense presentouse tamén o libro “Antoloxía esencial. Poesía galega (1965-2019) de Arcadio López Casanova”, unha edición realizada polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.  

Actuacións musicais e unha comida de irmandade completaron o XV programa da Festa da Palabra, na que tamén participaron outros representantes institucionais como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística e mailo director xeral de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; ou o tenente alcalde do Carballiño, Manuel Dacal.