O Psdeg-Psoe reivindica a memoria de Manuel Suárez, primeiro alcalde socialista de Ourense fusilado en 1937: “un home que perdeu a vida por ser decente”

A escalinata da igrexa Santa María Nai acolleu o emotivo acto, no que se lembrou a vida e legado do rexedor que asasinaron a madrugada do 27 de xullo de 1937, e ao que asistiron familiares do homenaxeado

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG-PSOE, subliñou que as xeracións actuais teñen “a obriga de manter o seu recordo vivo, non polo pasado, senón polo futuro da nosa sociedade”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 27 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta tarde, aos pés da escalinata da igrexa Santa María Nai, un emotivo acto en memoria do primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez, que foi fusilado na madrugada do 27 de xullo de 1937 polo bando franquista.

No mesmo interviron Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG-PSOE de Ourense; Alba Iglesias, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense; Cristóbal Medeiros, secretario comarcal da UGT Ourense; Natalia González, secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense; Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE e o secretario xeral do partido en Galicia, Valentín González Formoso.

Este último foi o encargado de pechar o acto facendo un alegato a prol da memoria dos represaliados “por defender a democracia”. Subliñou que as xeracións actuais teñen “a obriga de manter o seu recordo vivo, non polo pasado, senón polo futuro da nosa sociedade”.

Formoso remarcou a importancia de ter presente a quen “loitou e sufriu polas súas ideas”, posto que “mártires” da democracia e do socialismo, como foi Manuel Suárez, “serviron de inspiración a un gran número dos que estamos hoxe aquí”. E engadiu: “Debemos valorar o que temos, protexer os nosos dereitos e liberdades, pero tamén os nosos deberes como cidadáns. Debémosllo aos que deron a vida por elo”.

No acto tamén se recordou que, xunto a Manuel Suárez, perdeu a vida aquela madrugada de 1937 outro socialista: Antonio Taboada Nóvoa, que era secretario xeral das Xuventudes Socialistas da provincia e contaba con tan só 29 anos. Así mesmo, foron fusilados, no Campo de Aragón, Higinio López Barrio (de 39 anos e alguacil de Facenda) e Eduardo París Villar (de 27 anos e abogado). “A Corporación municipal acordou, en maio de 2018 chamar ao espazo no que foron asasinados como Praza da II República. Mais a día de hoxe aínda non se materializou tal acordo”, incidíu Xosé Lois Carrión.

Á homenaxe asistiron familiares, tanto de Manuel Suárez como de Antonio Taboada, e durante o mesmo proxectáronse uns vídeos enviados por dúas bisnetas do rexedor socialista. Léronse, ademais, varios fragmentos de misivas que intercambiou con Pablo Iglesias Posse –fundador do PSOE– e a derradeira carta que enviou á súa viuva e fillos.

“Dille aos meus fillos, sempre e en todo momento, que seu pai perdeu a vida dunha maneira violenta, non por ser ladrón nin asasino, nin un mal ciudadán. E que, polo contrario, perdeu a vida por ser unha persoa decente, amante de tódolos seus ciudadáns, sen fixarse nunca nos ideais que tiñan nin na súa condición social (…). Porque na España que queren crear non teñen cabida as persoas de bos sentimentos, amantes da familia e que xamais, de feito nin polo pensamento, pretendeu facer desaparecer a ningún ser humano”, foron parte das súas derradeiras palabras.

A lembranza rematou cun minuto de silencio por tódalas vítimas do franquismo e con militantes, familiares e simpatizantes entoando A Internacional.