Josi Lage e Gabriel Prada estrean o primeiro pase de “Almar” no Carballiño

A actriz carballiñesa Josi Lage volve a actuar no Carballiño esta fin de semana. Faino ca obra “Almar” acompañada do actor Gabriel Prada, recreando a despedida entre Albert Einstein e Margarita Konionkova. Será a representación do primeiro acto da obra, este sábado e domingo ás 21:00 horas no Auditorio Manuel María.

O concelleiro de cultura, Diego Fernández, animou a desfrutar da estrea, que visitará outros países de Europa e Latinoamérica nos vindeiros meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os asistentes coñecerán o primeiro acto, de 50 minutos de duración. Será unha oportunidade perfecta para somerxerse nun espectáculo que viaxará por medio mundo e incluso será representado en Moscú diante do dramaturgo Alexander Gelman.

Esta proposta teatral completa a programación da Festa do Pulpo, cunha ampla oferta cultural ao longo destas dúas semanas. Así o explicou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández: “Estamos orgullosísimos do traballo da carballiñesa Josi Lage e o seu equipo e esta iniciativa é de agradecer. Ven a cubrir o oco do teatro nestes días de tanta relevancia nos que celebramos a Festa do Pulpo”.

O actor Gabriel Prada, que acaba de recibir unha homenaxe en Valdeorras pola súa traxectoria, xa que estivo traballando en catro continentes, asegurou que “Almar” é unha obra complexa, con moitos matices e anunciou que o espectáculo será presentado en festivais internacionais e en medio mundo: “Actuaremos diante de Alexander Gelman en Moscú para que coñeza o noso traballo de primeira man”.

Josi Lage mostrou o seu agradecemento por participar neste proxecto e poder presentar a obra no Carballiño: “Neste traballo xúntanse os nomes de Einstein e Margarita Jonionkova. Foi un amor puro, inmenso, extraordinario. Os día 5 e 6 de agosto mostraremos no Auditorio o noso traballo, o primeiro acto para compartir impresións co público, estamos abertos a suxerencias”. Tamén asegurou que haberá comedia, e sobre todo moito amor, cun ritmo trepidante.