As Xornadas de Folclore percorrerán a provincia do 7 ao 16 de agosto mostrando a música e danzas tradicionais de seis países

As agrupacións procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína actuarán en quince vilas da provincia, ademais da capital. 

O presidente da Deputación, Luis Menor, expresou na presentación do evento “o decidido apoio a unha das actividades culturais máis importantes de cantas organiza a institución ourensá”, grazas ao labor do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de agosto de 2023.- A provincia de Ourense converterase un ano máis en referente das músicas e bailes tradicionais do mundo coa celebración, do 7 ao 16 de agosto, das XXXVIII Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Na presente edición participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, que actuarán en quince vilas da provincia, ademais da capital. 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá na presentación do programa, acompañado pola xefa de servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia en Ourense, Sandra Quintas, e o coordinador das xornadas, Julio Fernández Senra.  

Luis Menor expresou “o máis decidido apoio” a unha das actividades culturais máis importantes de cantas organiza a Deputación ourensá”. Ao redor de15.000 artistas de 400 agrupacións, procedentes dun cento de países dos 5 continentes e cunha media de 25.000 espectadores en cada unha das 37 edicións “son cifras que dan conta sobradamente do peso que teñen as Xornadas de Folclore no noso mundo cultural”, dixo.  

Desde 1999, engadiu, teñen ademais o recoñecemento internacional como socio de pleno dereito da Confederación Internacional de Organizadores de Festivais de Folclore, organismo dependente da UNESCO, que ten como fin a salvagarda, promoción e difusión da cultura tradicional. 

O presidente da Deputación destacou a oportunidade que ofrece este evento para “dar a todos os ourensáns a oportunidade de asistir a espectáculos de nivel internacional. Neste sentido apuntou a presenza da agrupación procedente de Ucraína, “un momento especial para os preto de 400 cidadáns ucraínos –sobre todo mulleres e rapaces- que chegaron á nosa provincia fuxindo da invasión rusa”. 

Sandra Quintas, entre tanto, afirmou a garantía do éxito e da continuidade das xornadas radica “na promoción cultural e na dinamización das nosas vilas”, onde esta cita “é moi especial para os ourensáns”. Un espazo de intercambio cultural, apuntou, no que tamén cómpre sinalar “o exemplo de colaboración institucional”. 

Localizacións próximas para facilitar a presenza de público 

O coordinador das Xornadas de Folclore, Julio Fernández, detallou o programa da presente edición, que visitará Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. En cada unha destas localidades participarán dúas agrupacións, presentando un total de seis espectáculos folclóricos diferentes, dous por agrupación.  

Julio Fernández explicou que a distribución de localizacións pola provincia deseñouse pensando en facilitar o acceso ao maior número de xente posible, de tal xeito que os espectadores que así o desexen poderán ver ata dous espectáculos en datas diferentes pola proximidade das vilas. 

En Ourense, onde como xa é tradicional celebrarase a cerimonia inaugural, e máis en Ribadavia, onde rematan as xornadas, participarán todos os grupos. 
Nota: Na información adxunta inclúese a programación completa das xornadas.