Unha sobrecarga eléctrica provoca un incendio nas oficinas da xestoría de Cer&Ber

Unha sobrecarga na liña de tensión provocada pola instalación das atraccións no centro do Carballiño provocou un incendio nas oficinas da xestoría Cer&Ber. Durante a xornada de onte producíronse varios cortes no subministro e foi de madrugada cando a sobrecarga do cadro de interruptores das oficinas provocou o suceso.

O lume orixinouse nun dos despachos, e a falla de osíxeno ao non haber circulación de aire entre as estancias, impediu que as chamas se propagasen, pero si ocasionou unha gran cantidade de fume que foi o que alertou aos veciños.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do parque do Carballiño e o servizo municipal de emerxencias. Os danos ocasionados foron materiais, deixando un dos despachos completamente calcinado, con equipos tecnolóxicos e documentos.

Dende a xestoría informan aos seus clientes de que seguirán ofrecendo o servizo habitual, pero de xeito telefónico, ata novo aviso.