Deputación, Xunta e Confederación do Miño-Sil constitúen a “Mesa Termal” para impulsar novos balnearios e mellorar os existentes

O Pazo Provincial acolleu a primeira reunión deste órgano na procura dun modelo máis axeitado, segundo as administracións participantes, para facilitar o desenvolvemento de iniciativas públicas ou privadas no ámbito termal 

Esta iniciativa contribuirá a mellorar a competitividade do sector, ademais de situar á provincia á vangarda en termos de axilidade administrativa para a posta en marcha de proxectos xeradores de emprego e de fixación de poboación no rural 

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén se estuda encaixar esta cooperación nunha iniciativa da Comisión Europea para que proxectos locais desenvolvan estratexias de sustentabilidade e accesibilidade con financiamento comunitario 

Ourense, 2 de agosto de 2023.- A Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) constituíron hoxe a “Mesa administración-sector termal”, una unidade que facilitará a coordinación de todas aquelas iniciativas que permitan impulsar a ampliación e sustentabilidade do sector termal na provincia. 

O encontro entre as tres administracións celebrouse esta mañá no Pazo Provincial coa presenza da deputada delegada de Políticas Sociais e portavoz do goberno da Deputación, Patricia Torres; o presidente do Inorde e deputado delegado de Termalismo, Rosendo Fernández; a titular da xefatura da Área de Turismo Termal da Xunta, Belén Gómez; os xefes de servizo de Sanidade e Minas da administración galega, José Martínez e Xosé Rodríguez; o conselleiro técnico da presidencia da CHMS, Manuel Sarria; e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira. 

Para a segunda metade de setembro está prevista unha nova reunión da mesa, que nesta ocasión estará presidida polos máximos responsables das tres administracións: Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; e José Antonio Quiroga, presidente da CHMS. 

Na reunión desta mañá fixáronse os obxectivos e metodoloxía de traballo da denominada “Mesa termal”, fórmula que os participantes entenden como un “modelo máis proactivo” para facilitar  a creación de novos balnearios na provincia, así como a ampliación e mellora dos xa existentes.  

Asesoramento coordinado 

Calquera concello de menos de 20.000 habitantes poderá dirixirse á Deputación demandando asistencia técnica para tramitar a creación ou mellora dun establecemento termal, axuda que se canalizará a través deste mesa asesorando ás entidades locais dunha maneira coordinada. Tamén poderá solicitar asesoramento calquera iniciativa privada que expoña un novo proxecto termal. 

Entre outras actuacións, o grupo de traballo tamén fará un seguimento dos prazos de resposta a cada un dos trámites que debe cumprir un proxecto, desde a solicitude de recoñecemento de augas mineiro-medicinais ata a data de apertura dun balneario, optimizando así o proceso. 

O grupo constituído esta mañá contribuirá a mellorar a competitividade do sector termal, ademais de situar á provincia á vangarda en termos de axilidade administrativa para a posta en marcha de proxectos xeradores de emprego e de fixación de poboación no rural, territorios nos que se adoitan situarse estas iniciativas. 

Candidatura a fondos europeos 

A “Mesa termal” foi incluída xa como soporte de diferentes actuacións á candidatura do programa europeo POCTEP “RAIA TERMAL i3s”, presentado hai escasas semanas e pendente de resolución, como continuación do Proxecto “Raia Termal”, que xa contou con financiamento comunitario.  

Ademais, tamén se estuda encaixar esta cooperación nunha iniciativa que a propia Comisión Europea (CE) está a deseñar para o período de financiamento comunitario 2021-2027. A CE contempla diferentes fórmulas para que proxectos locais poidan desenvolver estratexias de sustentabilidade e accesibilidade a través de diferentes vías de financiamento comunitario.