Gabriel Alén salienta as políticas de vivenda e rehabilitación da Xunta

O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá o centro histórico de Xunqueira de Ambía

  • O delegado territorial lembrou que dende o 4 de xullo ata o vindeiro 2 de outubro está aberto o prazo para presentar as solicitudes ás axudas de ata 15.000 euros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para comprar vivendas en centros históricos
  • Gabriel  Alén puxo en valor esta iniciativa da Xunta que busca contribuír á revitalización dos centros históricos converténdoos en lugares atractivos para vivir e favorecendo a súa dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa poboación
  • Na provincia, poderán acceder a este tipo de axudas os concellos de Allariz, Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía

Ourense, 08 de agosto de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, José Luis Gavilanes, o centro histórico de Xunqueira de Ambía onde lembrou que dende o 4 de xullo ata o vindeiro 2 de outubro está aberto o prazo para presentar as solicitudes ás axudas de ata 15.000 euros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para comprar vivendas en centros históricos. (Dog 3 de xullo de 2023)

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial destacou que  se trata da quinta edición na que, ao abeiro do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, se convocan estas axudas, que teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda. Dáse así un paso fundamental para impulsar as políticas de vivenda e rehabilitación en Galicia de cara aos vindeiros anos dunha forma consensuada e en sintonía coas demandas existentes en materia de vivenda.

Gabriel  Alén puxo en valor esta iniciativa da Xunta que busca contribuír á revitalización dos centros históricos converténdoos en lugares atractivos para vivir e favorecendo a súa dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa poboación. De feito, segundo manifestou o delegado, en convocatorias anteriores máis da metade dos beneficiarios tiñan menos de 35 anos e na edición anterior foron catro os beneficiarios; dous no concello de Ourense e outros no concello de Verín, con 12.800 euros cada un deles. Na provincia, poderán acceder a este tipo de axudas os concellos de Allariz, Boborás, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Verín, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.

O representante do Goberno galego explicou que que esta liña de financiamento conta cun orzamento inicial de 500.000 euros, e que as axudas son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das 7 Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos-.

Para optar a esta axuda, ademais de que a vivenda estea situada nun centro histórico, o solicitante tamén deberá cumprir outros requisitos. Así, debe ser español ou ter residencia legal en España; debe ter subscrito -con posterioridade ao 15 de novembro de 2022- un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída -nova, usada ou pendente de rehabilitación-, e os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia deben ser iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).