O senador Luis Menor vén de presentar a súa renuncia ao escano na Cámara Alta como representante do Partido Popular pola provincia de Ourense, para “centrarme nas responsabilidades provincial e local” como presidente da Deputación e alcalde do Concello de Pereiro de Aguiar.
Con este paso, Luis Menor cumpre o seu compromiso de “non acumular cargos”, tal e como manifestou reiteradamente logo de ser proposto como candidato á presidencia da Deputación de Ourense, cargo ao que accedeu o pasado 17 de xullo.
Menor fixo un agradecemento expreso a cantos electores “depositaron a súa confianza na miña persoa” como candidato a un escano no Senado polo Partido Popular de Ourense nas pasadas eleccións xerais do 23 de xullo. A partir deste momento, afirmou, “dedicarei todos os meus esforzos a cooperar cos pequenos concellos da nosa provincia e a mellorar a calidade de vida dos meus veciños en Pereiro, aos que tamén reitero o meu agradecemento polas continuas mostras de apoio”.
FRANCISCO JOSÉ FERNÁNDEZ REGRESA AO SENADO
Luis Menor, que tomou posesión do seu escano como senador o 17 de agosto, será substituído por Francisco José Fernández, alcalde de Leiro, que tamén ocupou o cargo de senador na pasada lexislatura.
Fernández (Cortegada, 1959), é licenciado en Farmacia. Alcalde de Leiro desde 1995 ata a a actualidade, xa representou a Ourense na Cámara alta na X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas, sendo ademais vicepresidente primeiro da comisión de Sanidade e Servizos Sociais, vocal na comisión de Suplicatorios e Entidades Locais e portavoz na comisión de Adiccións.