Moción do Bng pola protección dos intereses medioambientais, sociais e económicos do Ribeiro

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A nosa comarca está afectada desde hai décadas polo impacto medioambiental, económico e social dos distintos encoros que foron construídos nas últimas décadas sen que se obteña ningún beneficio: anegáronse moreas de terras para xerar electricidade e esta xeración está hoxe en día na súa totalidade en mans privadas, a construción está sobradamente amortizada e non hai un retorno económico directo que compense o impacto social, económico e ambiental.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nestes momentos atópase en tramitación no Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico (MITECO) o proxecto de central hidroeléctrica reversible Castrelo de Miño, de 260 MW de potencia de bombeo e 205MW de potencia de turbinación, a súa subestación de transformación, e a súa liñas de evacuación, promovida pola empresa San Isidro Solar 3 SL e que afecta fundamentalmente e de forma directa os concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle e, por extensión, á comarca do Ribeiro.

Dito proxecto atópase en fase de consultas previas, como paso previo á emisión do Documento de Alcance do Estudo de Impacto Ambiental.

Este proxecto, argumentado na necesidade de aumentar a produción renovable e as alternativas de almacenamento enerxético nun contexto de crise climática, non pode verse de forma illada nin sen ter en conta que precisamente a crise climática obriga a repensar o uso dos recursos enerxéticos e a protección da biodiversidade. É necesario continuar avanzando na descarbonización, mais é necesario pensar un novo modelo enerxético galego que teña en conta as nosas necesidades e non só o noso potencial xerador.

É o momento de facer que haxa una transición verdadeiramente xusta, democrática e descentralizada, cunha planificación global, onde se teñan en conta as nosas necesidades e todas as tecnoloxías e garantir compensación polo impacto da produción cunha tarifa eléctrica galega que nos axude ao desenvolvemento económico e social. Malia que as comarcas de Ourense teñen o 50% da gran hidráulica de Galiza no seu territorio e, porén, somos o territorio máis empobrecido do país, coa maior perda de poboación activa e de mocidade, cunha crise demográfica de grande intensidade, cun grande abandono do sector primario, enormes deficiencias nas comunicacións, unha gran crise nos servizos públicos e lideramos todas as estatísticas negativas no económico. Mentres, as grandes eléctricas obteñen millóns de euros dos que apenas queda nada no territorio.

Non podemos permitir o avance de macroproxectos que aprofundan na sobreexplotación dos nosos recursos naturais e agravan un modelo enerxético que xa é alleo ás nosas necesidades socioeconómicas e medioambientais e que só van empobrecer aínda máis ao Ribeiro.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDOS

1.- demandar do goberno central que rexeite a elaboración o documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental da central hidroeléctrica reversible promovida pola empresa San Isidro Solar 3 SL para protexernos ante o prexuízo ambiental, económico e social que tería.

2.- demandar da Xunta de Galicia a aposta por un novo modelo enerxético galego a partir da elaboración dun Mapa de necesidades e ordenación enerxética onde se planifique que tecnoloxías precisamos e as súas posibles localizacións e que se someta esta planificación a unha avaliación ambiental estratéxica para ter as máximas garantías de protección medioambiental.

3.- A corporación municipal de Ribadavia comprométese a remitir as alegacións necesarias e desenvolver cantas actuacións sexan precisas para a paralización deste proxecto.