Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

O mellor representante sociolóxico do proceso fetichista das ideas é o Estado, que se fetichiza como institución omnipotente con poderes ilimitados. O Estado, como concepto, actúa inexorablemente sobre as persoas apropiándose delas. Thomas Hobbes (1588-1679) comparaba o Estado co Leviatán, aquel monstro bíblico que devoraba ás persoas.

Orixe do erro categorial

Posiblemente este dislate veña de lonxe. Se nos situamos no berce do pensamento occidental, na Grecia clásica, podemos atopar unha explicación. Platón, s. IV a. C., foi o responsable de toda a liña idealista que dominou a nosa historia. O fundador da Academia ateniense distinguía a realidade da súa aparencia. A relidade eran as ideas, que existían no Hyperuránion, fóra deste mundo físico. Todo o que está no mundo físico, o mundo no que vivimos, é unha sombra, unha copia das ideas, que estas son o orixinal. Esa é a razón pola que Platón non lle daba valor á física nin a todo o que ten que ver co mundo visible. A realidade estaba no mundo das ideas, que era o mundo perfecto e auténtico, eterno e arquetipo, xerárquico e inmutable. A ontoloxía platónica, que era a súa ciencia real, estaba conectada ao mundo das ideas. O mundo físico era un mundo enganoso, ficticio, copia do mundo das ideas. Este mundo estaba poboado de copias, de sombras, non de realidades. Lembremos o seu mito da caverna, relatado no libro VII da República.

            Os seres humanos somos copia da idea de home ou muller. Cada un de nós somos copia da única idea que se corresponde cos homes ou mulleres. O home e a muller están no mundo ideal. Se somos seres humanos será porque existe a idea de Humanidade, da que cada un de nós participamos e somos a súa copia. Pero se os seres humanos somos sociais, suponse que tamén participamos dunha idea real, que será a Sociedade. E se ademáis somos seres racionais será porque tamén levamos a copia da idea Racionalidade. Pois ben, a partir dese idealismo platónico hipostasiouse cada idea para convertela nunha realidade. E dese modo hipostasiouse a razón na modernidade, onde se facía referencia á deusa Razón; hipostasiouse a Idea no idealismo alemán dos séculos XVIII e XIX; hipostasiouse o Estado con Hegel; hipostasiouse a Nación na época da revolución industrial, a comezos do século XIX; hipostaiouse a patria (“Dulce et decorum est pro patria mori” -Horacio) a partir da Idade Modena.

Tampouco Hegel pode quedar á marxe desa responsabilidade ao defender a identificación do ser lóxico (concepto) co ontolóxico (realidade). Para logralo utiliza unha lóxica que é á vez tamén ontoloxía, pois realiza e interpreta as categorías lóxicas como a esencia e a verdade das cousas. Acudía ás categorías kantianas -que Kant usaba como formas puras do pensamento-, pero utilizándoas con valor metafísico, é dicir, como categorías aristotélicas. Así, aplicaba á vez as categorías e os conceptos como formas de pensar (tal como as consideraba Kant) e como modos reais de ser (como as entendía Aristóteles).

            No Tratado de Filosofía do espírito, Hegel ubica o Estado dentro do espírito obxectivo, na parcela concreta das manifestacións obxectivas, como son as institucións sociais e xurídicas. O Estado aparece na dialéctica hegeliana como síntese das familias e da sociedade civil -ambas son categorías reais-, pero o filósofo alemán elévao a un nivel absoluto e divino. De aí deduce que todas as manifestacións da vida social e das organizacións públicas caen “baixo o dominio do Estado”. “O Estado -escribe Hegel- é a vontade divina que se desenvolve en forma real como organización dun mundo. Esa idea do Estado subordina á persoa ata o punto de xustificar no Estado a liberdade, a racionalidade e a esencia humana. O Estado é o fin, e os cidadáns son os medios. Non sorprende, pois, que as críticas a esa teoría se intensificasen e incrementasen ao longo do tempo. A súa afirmación de que “o Estado é o obxecto inmediato da historia universal” minimiza e subestima o papel do ser humano na historia. Esa subordinación da persoa ao Estado é consecuencia dun punto de partida racionlista que foi derivando e transformándose en puro idealismo, afirmando que todas as cousas son produtos das ideas. O nazismo apropiouse desa idea e as súas nefastas consecuencias non merecen máis comentario.

            As reacións contundentes ás teorías hegelianas non se fixeron esperar, especialmente desde a esquerda hegeliana, na que destacaron Feuerbach, Strauss, B. Bauer e K. Marx.

Marx, formado na filosofía de Hegel, formulou unha reprobación contra o mestre a través do seu escrito Crítica da filosofía do Estado en Hegel, onde denuncia a interpretación hegeliana do Estado como unha “dialéctica mistificada” ao invertir as relacións entre a sociedade civil e o Estado. Marx criticoulle que outorgase ao racional (que representa ao Estado) unha posición predominante respecto ao real (a sociedade civil). Para Marx, o Estado non se superpón ao mundo real como é a sociedade civil. E se o Estado goza dun certo privilexio externo á sociedade non é por outra razón de que se trata dun mundo ideal. A partir desa visión, Marx chega á conclusión de que o Estado de Hegel encarna unha alienación. En conclusión: “Non é o Estado o fundamento da sociedade civil, senón que, pola contra, é a sociedad civil quen fundamenta ao Estado. E a superstición ou o fetichismo político é a que xera a ilusión de que a vida civil necesita ser integrada polo Estado” (Marx: A sagrada familia)

            A epistemoloxía actual busca as claves dun coñecemento veraz revisando todos os modelos históricos para desinfectar os seus posibles fallos. E por iso se reivindica unha ontoloxía en cada modelo filosófico por considerar que a realidade debe ser a clave de calquera forma de interpretar o mundo. E, evidentemente, a realidade que coñecemos é coa que nos tropezamos neste mundo, que é unha realidade material, aínda cando admitamos outra realidade inmaterial que non pode ser sometida a criterios científicos, senón que caerá dentro da metafísica, da mística ou da relixión.

            En todo caso, os conceptos cos que traballan as ciencias sociais deben estar apoiados sobre unha relidade empírica, observable e contrastable experimentalmente. Esa relidade empeza polos seres humanos, por cada unha das persoas que habita este planeta, e segue pola economía, pola riqueza ou a pobreza que afecta aos seres humanos, polas relacións entre eses seres humanos que conviven nun mesmo territorio e participan dos mesmos costumes, crenzas, ideas, etc. Pero o que non se pode facer é dar un salto cualitativo e pasar do concepto que se utiliza nunha determinada teoría para hipostasiar o concepto, é dicir, para convertelo en substancia ou realidade semellante as cousas físicas.

Cambio de rexistro nas ciencias sociais

Ao non poder atribuír correctamente á sociedade, ao Estado, á nación, á bandeira, á patria… atributos como bondadosa, salvadora, triste, solidaria, leal, depravada, etc., que son propios e exclusivos dos seres humanos, habería que substituílos por expresións máis precisas e adecuadas. Por exemplo: en vez de catalogar a un Estado como xusto, solidario e pacífico… debería expresarse que as relacións entre os seres humanos nese Estado, e en circunstancias sociais de benestar, están amplamente motivadas polas emocións solidarias, afables e xenerosas. Incluso se pode afirmar que as persoas que forman o goberno dese Estado practican e defenden tales valores… Igual que noutras circunstancias peores, se podería afirmar que unha gran maioría dos axentes que interveñen nesa sociedade expresan condutas egoístas, odio, rancor, homofobia, deslealdade…. Iso sería o correcto, incluso o científico. E a partir de aí, poderían analizarse as claves de cada unha desas formas de actuar as persoas que conviven con outras no mesmo espazo xeográfico e no mesmo tempo físico.

            Só enfocando aos seres humanos dentro das insitucións teñen sentido as ciencias sociais, tanto se estas analizan as condutas e as relacións sociais na sociedade como se investigan o seu funcionamento coa finalidade de lograr unha sociedade máis xusta, pacífica e solidaria. Esa debería ser a meta á que se terían que dedicar as ciencias sociais, afastándose así do erro categorial no que se insertan. Á marxe dese erro no que se enmascara a actual nomenclatura política e social, que sentido ten loitar por cada unha desas institucións? Por que loitar, e incluso morrer, pola patria, polo Estado ou pola bandeira dun país? Evidentemente, carece de sentido. Morrer pola patria, defender a bandeira, loitar contra os inimigos do Estado… é un sentimento romántico que non ten cabida nunha conduta racional. As guerras son enfrontamentos entre persoas, non entre Estados ou nacións. Ningún soldado no campo de batalla se atopou nunca fronte a si cunha patria, cun Estado ou cunha nación que na trincheira lle disparase un fusil, que lle atacase cunha bomba ou lanzase unha granada de man. Iso fano as persoas, non os conceptos nin as ideas. A morte é un fenómeno real, como é a guerra entre soldados. E morren as persoas, non os Estados. Carece de sentido, polo tanto, falar de declaración de guerra entre Estados, de enfrontamentos bélicos entre nacións ou de desaparición de reinos como consecuencia de guerras imperiais.

            Pode resultar heroico entregar a vida por un familiar, por un amigo ou por calquera persoa coa que empaticemos, porque probablemente elas practiquen tamén a reciprocidade. En cambio, nunca se dará tal reciprocidade nesoutras entelequias sociais.

            Cando se fai alusión ás leis da guerra, trátase dun conxunto de disposicións recollidas no Dereito militar relativas ás xustificacións para participar na guerra (ius ad bellum) e dos límites aceptables para a conduta dos soldados durante a guerra (ius in bello ou Dereito Internacional Humanitario). Nesas leis contémplanse as declaracións da guerra, a rendición militar, o trato aos prisioneiros de guerra, a prohibición de certas armas que poidan causar sufrimento innecesario, etc., pero non da ilegalidade de amputar a unha nación nin de torturar a un Estado.

            Esas leis xa existían na Biblia. No Deuteronomio xa se prohibía durante a guerra cortar as árbores que daban froito, ou como tratar as mulleres dos vencidos coas que se querían casar os vencedores, porque non se podían vender como escravas. Pero as leis da guerra son, en definitiva, leis militares, que se fundamentan esencialmente no erro de considerar a guerra como enfrontamento entre Estados ou nacións.

Consecuencias dos erros categoriais

Ademais das inexactitudes epistemolóxicas, pedagóxicas e científicas, hai unhas consecuencias sociais de gran relevancia. Pensemos nos millóns de seres humanos que morreron por estas ideas, ideas falsas (fake news), que as transformaron en pseudoidealismo. O romanticismo está ben como emoción persoal, como forma de empatizar co mundo, pero nunca debería converterse en destrución. Morrer ou matar pola patria, pola bandeira, pola supervivencia da nación ou polo engrandecemento do imperio son auténticos dislates. Os responsables destes despropósitos están case sempre no ámbito político. As súas arengas a favor dunha patria forte e poderosa, dun Estado que debe facer fronte aos seus inimigos, dun sacrificio dos cidadáns polo ben da nación, etc. son mensaxes indecentes que esixen dor e renuncia para cada persoa.

Crédito merecido das ciencias sociais e crítica ao método indutivo

O erro categorial que frecuentemente impregna ás disciplinas que analizan a sociedade, non a desacredita nin induce á súa desaparición. Non se trata de eliminar as ciencias sociais nin os estudos que estas levan a cabo. O que realizan as ciencias sociais, como o que levan a cabo as ciencias físicas e naturais, é propoñer problemas que se observan nas persoas ou nos obxectos e fenómenos físicos, procurando imaxinar hipóteses que poidan solucionar ditos problemas; en definitiva, lanzar hipóteses que deben ser verificadas ou falsadas empiricamente. Pero se prestamos atención, esas comprobacións fanse con fenómenos, xa sexan humanos ou simplemente físicos, nunca se fan con conceptos. E, de confirmarse a hipótese, extráense conclusións que se aplican mediante o método hipotético dedutivo a todo un conxunto de fenómenos que teñen características semellantes. Iso faise mediante o método indutivo, que desemboca nunha xeneralización que se identifica nun concepto universal, como pode ser “o egoísmo das persoas” (todas as persoas son egoístas), “a cor negra nos corvos” (todos os corvos son negros), “a gravidade dos corpos” (lei da gravitación unversal). Con todo, esa maneira de estudo é criticada cientificamente desde a epistemoloxía, porque a xeneralización resulta imposible de levarse a cabo. Cómo podemos verificar e identificar a todos os corvos do mundo, os que existiron, existen e van existir no futuro para comprobar que son negros? Resulta imposible. De aí deducimos que ningunha ciencia é verdadeira e certa, senón só probable.

            Qué fan os científicos? Elaboran teorías a nivel xeral, utilizando conceptos que serven de apoio ás teorías. Pero eses conceptos nunca se poden catalogar como seres reais, porque son creacións mentais que están á marxe da realidade. Por iso, cando aparecen fenómenos que non encaixan nunha teoría, esa teoría hai que enterrala e xa non vale. E o cemiterio das teorías está xa bastante ateigado. Con todo, aínda queda un pequeno recuncho nese cemiterio para enterrar: o fetichismo sociolóxico das institucións.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.