A Deputación promove involucrar aos escolares da provincia na loita contra a violencia de xénero a través do I Concurso Provincial, en colaboración cos balnearios

Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª); César Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Rosendo Fernández; Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención); Juan Marquina Fuentes (Secretario Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Xunta  de Goberno da Deputación celebrou esta mañá a súa sesión ordinaria semanal. En total, foron aprobados 423.937,33 euros para dedicalos a axudas para infraestruturas en diferentes municipios, así como para fomentar iniciativas culturais arraigadas na provincia como é o caso da Festa da Batalla de Boborás (á que se destinan 20.000 euros); e a Festa da Istoria de Ribadavia, á que se dota con 13.000 euros para gastos de organización. 

Un dos aspectos máis novidosos foi a aprobación das bases reguladoras e convocatoria do I Concurso Provincial contra a Violencia de Xénero, dirixida a centros educativos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de grado medio. O obxectivo deste concurso é identificar as diferentes formas de violencia de xénero e facelo desde a sensibilidade dos menores. De aí que baixo o lema “Isto tamén é violencia de xénero e eu non me calo”, establécense tres categorías: debuxo, fotografía ou viñeta; microrrelato, redacción escrita ou podcast; e vídeo curto para redes sociais. O prazo de finalización dos traballos finaliza o 16 de novembro e as bases poderanse consultar no BOP e na sede electrónica da Deputación. Tamén está habilitado o teléfono da área de Benestar (988317770) para solventar dúbidas e ofrecer información. 

AVANTAR ACTIVIDADES

En colaboración cos balnearios da provincia, outorgaranse o “Premio á Anticipación”, consistente nun bono de acceso a piscinas termais para os primeiros 30 traballos presentados que cumpran coas bases; o “Premio á Autoría”, no que se seleccionarán os mellores traballos en cada categoría, e consistirá en bonos termais de fin de semana; e o “Premio á Dinamización do Centro Escolar”, que consistirá nun lote de libros para o centro educativo ao que pertenza o alumnado premiado no “Premio á Autoría”. 

A Xunta de Goberno vén de aprobar tamén achegas por importe de 390.937,33 euros para executar diversas obras en Arnoia, A Merca, Monterrei, Boborás e na Mancomunidade Voluntaria de Municipios de Ourense. Así, o Concello da Arnoia percibe dúas achegas: por unha banda, 174.525,32 euros para a execución de obras de humanización de vías municipais; a segunda axuda é de 44.850,65 euros para a execución da obra de mellora en infraestruturas de abastecemento da auga potable municipal. Ao Concello da Merca concédeselle unha axuda de 48.000 euros para a reparación de firme na Mezquita, mentres que o de Monterrei percibirá 46.435,07 euros para a execución da obra dun pozo en Guimarei. No que respecta ao Concello de Boborás, aprobouse unha modificación dunha subvención concedida en maio para a humanización da praza da igrexa de San Pedro Félix de Brués, quedando fixada a contía en 47.926,29 euros. 

Á Mancomunidade Voluntaria de Municipios de Ourense destinaranse 29.200 euros para a execución da obra de mellora da estrada do Alto do Couso a Pardeconde e Xunqueira. 

Por último, foi aprobada definitivamente a necesidade de ocupación, con carácter urxente, dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras de acondicionamento e mellora integral na OU-0517-OU-0207, no termo municipal de San Cibrao das Viñas, aos efectos da expropiación forzosa tramitada pola Deputación.