O pulpo do Carballiño, o pan de Cea e o viño do Ribeiro, embaixadores de luxo na Casa de Galicia en Madrid

O Xeodestino do Ribeiro – Carballiño organizou hoxe na Casa de Galicia de Madrid, unha presentación para xornalistas especializados en Turismo e Gastronomía para darlles a coñecer os produtos con maior potencial do noso territorio.

No acto estiveron presentes o presidente do Xeodestino, Francisco J. Fernández, o alcalde de Cea, José Luis Valladares, a concelleira de Turismo do Concello de Boborás, Rosa María Perez e o tenente de alcalde e concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal, ademais de senadoras e congresistas que tamén estiveron presentes neste acto.

AVANTAR ACTIVIDADES

O acto consistiu en escenificar unha romaría pulpeira no pleno corazón de Madrid con gaiteiros, pulpo á feira, viño do Ribeiro e pan de Cea para dar a coñecer todas as potencialidades do territorio. Tamén houbo unha proxección dun documental sobre o pulpo do Carballiño, a súa orixe, a súa historia, a súa preparación e toda a súa tradición que leva detrás e a estirpe de todas as pulpeiras que percorren todos os pobos de Galicia, levando o seu saber facer polos diferentes lugares. A estrela do acto foi a pulpeira Aurora Baranda, terceira xeración de pulpeiras que segue percorrendo Galicia, de feira en feira, demostrando que o pulpo non soamente é un prato para feiras, senón que se pode presentar ao máis alto nivel gastronómico porque é un produto perfecto.

Tamén destacar que a sala quedou pequena polo gran poder de convocatoria. Todos os xornalistas que acudiron ao acto marcháronse encantados e con moi bo sabor de boca tras unha presentación diferente, de pé, mentres degustaban estos produtos de calidade, do sabor do pulpo, do viño e dos acompañamentos. Fernando Valmaseda, director da Agencia de Comunicación Turística RV Edipress e do programa de radio Miradas Viajeras (Radio Capital) e Miradas Viajeras TV en Movistar efectuou a presentación, na que tamén interviñeron o presidente do Xeodestino, Francisco Fernández; o alcalde de Cea, José Luis Valladares, o Teniente alcalde do Carballiño, Manuel Dacal, e a pulpeira Aurora Baranda.