O Concello de Ribadavia e os establecementos asociados do Ribeiro asinan o convenio de colaboración do ano 2023.

  • A través da sinatura deste convenio, o Concello de Ribadavia achega aos establecementos asociados 10.000 euros para financiar diferentes actividades, entre elas o bono comercio que se activará para compras no comercio local de Ribadavia no mes de novembro.

Ribadavia, 27 de outubro de 2023.- O Concello de Ribadavia e os Establecementos Asociados do Ribeiro (EAR) veñen de asinar o convenio de colaboración entre as dúas entidades para o ano 2023. A través deste convenio, o Concello de Ribadavia achega a EAR a cantidade de 10.000 euros para financiar actividades de promoción do comercio local.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as actividades que se financiarán con cargo a este convenio atópase o bono comercio que se porá en marcha para dinamizar as compras no comercio local ao longo do mes de novembro. Este bono comercio poderá descargarse a través da web www.ribadaviacheadevida.com entre o 1 e o 30 de novembro de 2023, datas tamén nas que terán que facerse as compras co bono.

Esta nova campaña dos Establecementos Asociados do Ribeiro, na que colaboran o Concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense, pretende inxectar 45.000 € no comercio local a través de 900 bonos. Ao mercar un bono o cliente paga 30 € e de modo inmediato recibe un SMS con un bono valorado en 50 €, de xeito que os outros 20 € son aportados polos Establecementos Asociados do Ribeiro.  

Estes bonos poderán mercarse na web referida e poderán gastarse nos establecementos adheridos á campaña que estarán relacionados na propia páxina web.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “Esta iniciativa dos Establecementos Asociados, coa que colaboramos dende o concello, permitirá dinamizar as compras no comercio local nun mes que tradicionalmente ten mais baixa facturación, o que supón que esta campaña terá un impacto moi positivo no comercio ao permitir inxectar de xeito directo 45.000 € nos establecementos adheridos á campaña”.

César Fernández salientou o “dinamismo da asociación de Establecementos Asociados do Ribeiro que levan a cabo numerosas actividades ao longo do ano para dinamizar o comercio local.” O alcalde afirmou que “a colaboración con EAR será un dos eixos estratéxicos da política de dinamización do comercio de Ribadavia neste mandato 2023-2027”.