O grupo socialista reclámalle á Xunta que incorpore aos orzmentos de 2024 axudas directas para o sector da castaña

Carmen Dacosta solicita un plan integral para a revitalización desta especie logo de seis anos consecutivos de malas colleitas

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta que poña en marcha unha liña de axudas directas para o sector do castiñeiro con fondos propios e con cargo ao Orzamento do próximo ano. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento para pedirlle á Xunta un plan integral para a revitalización desta especie.

A parlamentaria socialista urxe á Xunta a dar “un paso á fronte” e poñer a disposición dos produtores tódolos recursos dispoñibles “para que a castaña siga a ser un importante recurso no interior e na montaña e que Galicia continúe a ter unha posición líder na Eurorrexión” na produción deste froito. Reclamou comezar por un estudo en profundidade para determinar os motivos da continuada caída da produción nos últimos 6 anos.

Apuntou aos distintos factores que semellan estar detrás destes malos resultados, como a sexa e as xeadas de 2017, o impacto da avispilla dryocosmus en 2020, a antracnosis en 2021, a seca en 2022, mentres as elevadas temperaturas do pasado outubro e distintas enfermidades provocan a perda prematura de froito, que queda esganado.

Reclama unha diagnose para coñecer as “razóns exactas” no descenso da colleita e acadar unha certeza científica sobre a orixe do problema que permita actuar en consecuencia cun plan en varias fases, incorporando vacinas para o cancro do castiñeiro ou empregar portaenxertos híbridos que permitan un enxertado resistente á enfermidade da tinta. Urxe a dispoñer de liñas de axuda para despregar medidas fitosanitarias e axudas compensatorias polas perdas desta campaña.

Carmen Dacosta explicou que a castaña supón “unha importante inxección económica” para cooperativas e empresas, así como complemento ás rendas das familias e pensionistas do rural en Galicia. Lembrou que esta Comunidade Autónoma é a principal produtora do Estado grazas á puxanza de Lugo e sobre todo de Ourense, a provincia que máis castaña produce de Europa, con 101.531 toneladas do total de 188.934 recollidas en toda Galicia no ano 2021.