Marina Ortega alerta de que o goberno galego “intenta amedrentar” aos funcionarios que denunciaron os chivatazos das inspeccións ás residencias privadas

Marina Ortega sinala que Política Social “autodelátase” ao negarse a investigar e empraza a Rueda a “tomar cartas no asunto”

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, alertou hoxe de que a Consellería de Política Social “intenta amedrentar” aos inspectores que denunciaron os chivatazos previos ás inspeccións ás residencias privadas. Ortega presentou unha proposición non de Lei no Parlamento para reclamarlle á Xunta que explique por que abriu actuacións previas a un expediente disciplinario contra estes funcionarios, que foi rexeitada polo PP.

Ortega cualificou de “gravísimo” que a Consellería “en vez de poñer a disposición dos galegos e galegas un informe” opte por “ameazar e intentar taparlle a boca” aos funcionarios cun expediente “que non explicaron”. Advertiu que “estanse delatando” pola “omisión do deber de informar á cidadanía galega deste asunto” feito público pola Asociación de Inspectores de Servizos Sociais da Xunta apuntando á propia conselleira e á secretaria xeral técnica.

A responsable socialista advertiu que a gravidade das acusacións “recae tamén no presidente da Xunta”, xa que “se a conselleira non o explica terá que ser Rueda quen tome cartas no asunto” para aclarar o que sucede.

Resumiu que os responsables de Servizos Sociais están a sinalar á cúpula da Consellería como responsable de “obstaculizar a eficacia das inspeccións” mediante estas filtracións, ao que responderon facendo “o contrario do que dita a lóxica”, atacando ao denunciando para evitar investigar e informar ao Parlamento.

Ortega criticou a privatización da atención aos maiores por parte do goberno galego, que “renuncia ás súas competencias” no coidado dun dos sectores máis vulnerables da poboación, tal e como están a facer cos menores que residen nos centros de menores. Engadiu que esta decisión en todo caso debe ser “compensada co reforzo significativo do persoal de inspección dependente da Xunta de Galicia”.