A Deputación engade 1 millón de euros máis ao novo plan de financiamento ata alcanzar os 17 millóns para o seu primeiro ano de vixencia

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, propuxo esta mañá un segundo aumento do novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, coa incorporación de 1 millón de euros máis ao orzamento. Deste modo, no primeiro ano de vixencia do programa alcanzaranse os 17 millóns de euros, cantidade inicialmente prevista para a segunda metade do mandato. 

Luis Menor formulou esta proposta durante a habitual reunión da xunta de portavoces, previa á celebración do pleno ordinario de mes que se convocará para o próximo venres, día 24, reunión na que o grupo socialista anunciou a súa abstención, facilitando en consecuencia a aprobación do plan e do proxecto de orzamentos xerais para 2024. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Logo das conversas mantidas nestes días cos portavoces dos grupos, Luis Menor acordou incrementar en 1 millón de euros a contía inicial do plan, que naceu cunha dotación de 14 millóns, pasou despois a 16 e agora a 17 millóns. Un plan que “dará estabilidade e seguridade financeira a todos os concellos, que saberán con exactitude as cantidades que van percibir desde o 1 de xaneiro de 2024”, dixo o presidente congratulándose do acordo alcanzado esta mañá. “Un cambio radical no sistema de cooperación cos concellos e no que traballamos desde o primeiro momento, por iso este é un día moi importante”, dixo Luis Menor. 

Na práctica, este segundo aumento supón pasar de 7 a 8 millóns de euros a parte variable do novo modelo de financiamento da Deputación. O próximo ano alcanzaríanse os 17 millóns de euros fronte aos 14 millóns iniciais, xunto cun aumento de 1 millón de euros en 2025. O Plan CooperOU chegaría deste xeito á metade do mandato cunha partida de 18 millóns de euros, mantendo o compromiso dunha revisión á alza nas seguintes dúas anualidades. 

Tamén permanecen inalterables os criterios homoxéneos de repartición, cunha parte fixa segundo o número de habitantes de cada concello, e outra parte variable na que se aplicaría o incremento e que se distribúe en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %). Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa. 

Como na primeira ampliación, o novo aumento tamén se financiará con cargo á modificación de crédito prevista para o primeiro trimestre de 2024. 

Unha vez aplicado o novo cálculo, O Carballiño segue a ser o concello que percibirá a maior cantidade, máis de 442.300 euros. A continuación figura Verín con case 423.000; O Barco de Valdeorras, con máis de 419.200; Barbadás con 361.300; ou Xinzo de Limia con algo máis de 348.000 euros. Beade segue a ser o concello con menor orzamento neste plan (algo máis de 110.100) e a entidade local menor de Berán case alcanza os 54.500 euros.