A voceira do grupo municipal socialista, Natalia González, interpuxo un recurso no xulgado contra o alcalde para protexer os dereitos fundamentais da corporación durante os plenos

A medida foi adoptada logo de múltiples sesións nas que o rexedor imposibilitou ou interrumpiu a intervención dos representantes electos e mesmo do funcionariado, como aconteceu coa figura do interventor en numerosas ocasións

O grupo municipal socialista presentará unha iniciativa –que espera consensuar co resto de forzas políticas– para que non teñan cabida máis vulneracións dos dereitos fundamentais dos e das edís e que poidan exercer, adecuadamente, o seu labor de fiscalización do Goberno

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 18 de novembro de 2023. A edil e portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, interpuxo un recurso para que se protexan os dereitos fundamentais á participación política fronte ás habituais actuacións do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, contra os concelleiros e concelleiras, e mesmo contra o persoal da Administración local, ao denegarlles en reiteradas ocasións á palabra durante a celebración das sesións plenarias.

A última vez que isto aconteceu foi o 26 de outubro deste ano cando a tamén secretaria xeral do partido en Ourense denunciou que Jácome estaba a extralimitarse nas súas funcións ao non deixar falar ao interventor, que segundo o Regulamento Orgánico de Goberno e Organización pode pedir a palabra cando o estime preciso o propio alcalde ou cando entenda que no debate se expoña algunha cuestión “sobre a que poida dubidarse sobre a legalidade ou repercusións presupostarias do punto debatido”.

Nesta liña, tampouco lle deu a quenda da palabra á edil cando a reclamou por alusións directas –ao lle atribuir o rexedor afirmacións que en ningún momento realizou– e solicitou poder respostar ás acusacións vertidas. Logo de insistir para exercer o seu dereito fundamental de participación, o alcalde indicoulle que tiña unha chamada á orde e que se continuaba falando sería expulsada do salón de plenos. Nesta mesma tesitura se situou ao voceiro do grupo municipal do BNG, Luis Seara, que tamén insistía en que o interventor puidera participar do debate.

Posteriormente, cando Natalia González decidiu utilizar a súa intervención inicial no debate dunha modificación de crédito para responder ás alusións, o rexedor volveu a apagar o seu micrófono e rexeitou que puidera continuar falando, pese a dispor aínda de tempo para facelo.

Ao relatado engádese o feito de que o rexedor intervén en calquera momento do debate, mesmo interrumpindo constantemente aos concelleiros e concelleiras, sen límite de tempo e para realizar calquera tipo de valoracións persoais (subxectivas ou políticas) que adoitan ser improcedentes ou despectivas coa totalidade dos integrantes do grupo municipal socialista.

Tal e como se recolle no recurso rexistrado ante o xulgado contencioso administrativo de Ourense: “El ejercicio de las funciones de dirección y supervisión del Pleno debe realizarse con un respeto absoluto a los derechos fundamentales de los concejales que componen la Corporación Municipal y con respeto a los principios de objetividad, legalidad y del interés general de la Corporación Municipal, así como con estricto cumplimiento del Real Decreto 2568/1986, de 28 de noviembre, por el que se aprueba el Reglamento de Organización, Funcionamiento y Régimen Jurídico de las Entidades Locales (ROF), artículos 95 y 98 entre otros, y del Reglamento Orgánico de Gobierno y Organización del Pleno de Ourense, artículos 66 y 78”.

Co obxectivo de modificar este último texto, o grupo municipal socialista tamén presentará unha iniciativa –que espera consensuar co resto de forzas políticas con representación na Casa Consistorial– para que non teñan cabida máis vulneracións dos dereitos fundamentais dos e das edis e que poidan exercer, adecuadamente, o seu labor de fiscalización do Goberno de Gonzalo Pérez Jácome.