O BNG adianta que na reunión semanal do Consello Reitor do CMD deste venres, solicitará información sobre os últimos movementos arredor do Ourense CF e do que o Concello é accionista

A posible compra do club por parte dun inversor estranxeiro e o feito de que o Concello sexa accionista da SAD cun 8% das accións, motiva que desde o BNG se queira saber que papel está a xogar a Administración local en todo o proceso e que compromisos está previsto asumir

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 22 de novembro de 2023. Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense anuncian que na reunión que o Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes ten previsto celebrar este venres a partir das 08:30h, solicitarán información sobre as últimas novas xurdidas en torno ao posible interese dun inversos estranxeiro na compra do Ourense CF SAD.

O Portavoz municipal do Grupo nacionalista, Luís Seara, que tamén exerce como representante do BNG no Consello Reitor do CMD, entende que, “diante das informacións que están xurdindo en prensa e polas que nos chegan, consideramos que o Concello de Ourense debera explicar cales son os movementos que se deron até o de agora e que é o que está previsto que aconteza toda vez, o propio Concello é accionista da SAD cun 8% do accionariado”.

Para Luís Seara o verdadeiramente relevante e cuestionable non son as decisións que unha empresa privada ou unha SAD poida adoptar no exercicio da súa liberdade senón, “o papel que o Concello de Ourense está a xogar en todo este proceso. Cales son as xestións realizadas ou o nivel de implicación municipal e se está previsto adquirir algún compromiso de carácter económico no presente ou de cara ao futuro”.

O BNG entende que o Concello non pode facer ouvidos xordos pois “temos constancia da celebración de reunións, algunhas mesmo foron publicitadas, entre os posíbeis inversores, directivos do club e responsables municipais, de ahí o noso interese, en saber que papel está a xogar ou vai a xogar o Concello en todo isto pois sabemos, por outras experiencias, que este tipo de inversores sempre queren ter apoio económico público e soporte institucional”.

E é que como ben lembran desde a formación nacionalista, o actual Goberno Local xa tentou, no seu momento, atraer a Ourense a un club que militaba na 1º RFEF e sobre o que pesaban “múltiples dúbidas sobre a súa viabilidade e solvencia” en clara alusión ao DUX Internacional de Madrid SAD.

Seara lembra que “a semana pasada asinouse con este club unha subvención nominativa de 140.000 euros, co voto en contra do BNG, pois ademais de que este non é o noso modelo de subvencións, engádese o feito de que é unha SAD cunha débeda bastante elevada, consecuencia dunha neglixente xestión”, e engade, “queremos que haxa luz e taquígrafos, saber que se está a facer e con que intención e que se poña negro sobre branco sobre cales son os obxectivos e o papel do Concello en todo este proceso”.