O Psdeg-Psoe de Xinzo denuncia o “arboricidio” perpetrado polo goberno municipal e alertan da tala “indiscriminada” de árbores sen seguir criterios “obxectivos e ambientais”

Os e as socialistas veñen de presentar un escrito por rexistro no que instan ao concello a paralizar as podas e talas “indiscriminadas” e que nalgúns casos se están realizando “polo propio pé das árbores”

Elvira Lama salienta que que a actuación “non é lóxica, nin razoable” e afirma que ante tales “despropósitos, falta de rigor e a alarma que se está a xerar, os e as socialistas non podemos quedar impasibles”

AVANTAR ACTIVIDADES

Xinzo de Limia, 23 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia o “arboricidio” perpetrado polo goberno municipal de Amador Díaz e o Partido Popular no municipio. Os e as socialistas alertan da tala “indiscriminada” de árbores no parque infantil do grupo San Sebastián, na praza Carlos Casares e na urbanización da Devesa, sen seguir uns criterios “obxectivos, realistas e ambientais”.

Dende o grupo municipal socialista veñen de presentar un escrito por rexistro no que instan ao concello a paralizar as podas e talas “indiscriminadas” e nalgúns casos “polo propio pé das árbores” e que se lle comunique con “urxencia” ás brigadas ou a empresa externa, “supostamente especializada” nestas tarefas. Os e as socialistas esixen que se sigan as “recomendacións e criterios” do informe de estabilidade e riscos das árbores do concello e a que se convoque, “sen máis demora”, a xunta de voceiros para dar conta das actuacións que se están levando a cabo e se farán nun futuro.

Os e as socialistas de Xinzo alertan de que onte comezaron unha serie de decotas e talas “indiscriminadas” nas árbores da contorna do parque infantil do grupo San Sebastián. “Concretamente foron dúas adelfas talladas polo pé, que quedaron a modo seto e sen que houbese ningún risco de estabilidade”, denuncia a voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama Fernández. A voceira socialista tamén apunta que na praza de Carlos Casares “depenicaron dous espiños, que habitualmente se redondeaban a modo de copa-bola para deixar floración, e tampouco presentaban perigo algún”. A elo sumouse a decotación polas ramas de dúas oliveiras que “dificilmente se recuperarán e a actuación facilitará a entrada de fungos e podremias”.

Lama Fernández salienta que “estamos seguros que o grupo de goberno, co alcalde e o concelleiro de medio rural e natural á cabeza, coñecen e saben da existencia dun informe de estabilidade e riscos das diferentes especies existentes nos parques de Xinzo, elaborado en 2021 con todo luxo de datos e recomendacións”. A voceira ten claro que cada ano “hai que facer podas de limpeza, retiradas de chupóns e mesmo polas de altura, pero o que veñen de facer dende o goberno municipal é un atentado patrimonial en toda regra”.

Dende o PSOE de Xinzo consideran que a actuación levada a cabo “non é lóxica, nin razoable” e afirman que ante tales “despropósitos, falta de rigor e alarma que se está a xerar entre a veciñanza, os e as socialistas non podemos quedar impasibles”. Hoxe mesmo recibiron chamadas dende a urbanización da Devesa logo da talla polo pé dunha árbore completamente san e sen risco algún, agás a caída de follas. Tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista “habitualmente podábase xunto co resto da urbanización cando perdían toda a folla, tal e como recomendan os expertos”.