Espazo Común pedirá en pleno información sobre o Asilo do Carballiño

A formación de Espazo Común do Carballiño levará a pleno a petición de información sobre o Asilo do Carballiño. O texto completo da moción é o seguinte:

“A Residencia das Irmás dos Anciáns Desamparados do Carballiño, máis popularmente coñecida coma o Asilo, hai xa moito tempo que deixou de ser nova pola súa impagable función social e a súa vocación de dar acubillo aos máis desfavorecidos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o deixaron estipulado nos seus estatutos fundacionais os Irmáns Prieto, quenes legaron a súa fortuna en forma de propiedades, sobre todo no Carballiño e en Madrid, para que esta se empregara no coidado deses anciáns desamparados da nosa comarca que agora son esquecidos.

Durante décadas, foron lexión os veciños desta vila que traballaron ou colaboraron coma voluntarios na institución. Foron centos os negocios que serviron produtos de todo tipo ás monxas que o rexentaban, creando así unha fonte máis de movemento para a economía local.

Dende o ano 2018 todo comezou a mudar, cando o alcalde e o bispo da Diócese de Ourense acordaron da súa existencia e decidiron facerse co control dunha Fundación á que ata ese momento ignoraran.

Os cambios que introduciron levaron á marcha da congregación que levaba máis de cen anos coidando do Asilo, á práctica totalidade da supresión das traballadoras do pobo que levaban alí moitos anos, a cambios radicais no modelo de xestión e, sobre todo, a unha falla de transparencia total no referente ás actas dos acordos e ás contas da Fundación e, o máis grave, á perda total da referencia dos motivos que moveron a esta institución durante máis dun século, o coidado das persoas sen recursos.

Espazo Común leva pedindo ao alcalde do Carballiño que, na súa condición de membro do Padroado, pois ocupa un dos tres postos de dirección, actue con transparencia e amose á cidadanía as actas nas que se aproban modificacións estatutarias, as contas de cada ano dende a súa chegada ao cargo e os documentos de propiedade das posesións legadas polos fundadores, sobre todo as do centro de Madrid.

Despois de dúcias de preguntas no pleno e incluso da aprobación dunha moción na que se adquiría este compromiso, seguimos coa vella táctica de dicir que sí e despois non facer nada.

O pobo do Carballiño está canso de que se xogue deste xeito tan irresponsable cunha entidade tan enraizada na memoria e no sentimento de moitos de nós.

Ante a falla de pudor do rexedor, esta corporación debe tomar a iniciativa e tomar un acordo no que se lle exixa ao Padroado e ao Protectorado (pertencente á Xunta de Galicia) que fagan chegar toda a documentación requerida para que todos poidamos ter unha idea clara do que está a acontecer e de por que se toman certas decisións.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño solicite oficialmente ao Padroado da Fundación Irmáns Prieto e ao Protectorado da área de Política Social da ¨Xunta de Galicia toda a documentación relativa ás actas das reunións do Padroado, os balances económicos dos últimos 5 anos depositados e os documentos de propiedade de tódolos bens da Fundación”.