O Psdeg-Psoe de Cartelle alerta que un vertedoiro ilegal nas inmediacións da capital supón un “grave” perigo de salubridade ante o aumento dos refugallos acumulados

Os e as socialistas lembran que en marzo xa denunciaron a situación, pero o concello “nada fixo” para solucionar a problemático, motivo polo que lle esixen ao PP que actúe de forma “inmediata” e proceda a limpeza da zona para evitar que se siga contaminando o ecosistema

Jesús Pereiras afirma que “rematar con estes focos de contaminación é unha tarefa de todos, pero o concello debe dar exemplo, eliminando canto antes os vertedoiros e vixiando que non aparezan outros novos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Cartelle, 28 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle alerta de que o vertedoiro ilegal a carón dunha das estradas nas inmediacións da capital do municipio supón un “grave” perigo de salubridade ante o aumento dos refugallos aló acumulados. Os e as socialistas consideran que a situación supón un “gran” risco medio ambiental ao estar situado o vertedoiro nunha zona boscosa e ante a presencia do río Gato a escasos metros da zona onde están depositado este lixo.

Dende o grupo municipal socialista lembran que en marzo deste mesmo ano, xa denunciaron a proliferación deste vertedoiro, pero tal e como sinalan “nada se fixo” para solucionar esta problemática. Os e as socialistas esíxenlle ao alcalde de Cartelle, o popular Jaime Sousa, que actúe de forma “inmediata” e proceda a limpeza da zona para evitar que se siga contaminando o ecosistema.

Os e as socialistas explican que neste vertedoiro acumúlanse dende fai meses e en plena zona frondosa e de bosque “restos de varios electrodomésticos, mobles, colchóns, numerosos plásticos e outros materiais altamente contaminantes e inflamables en caso de incendio”. Neste senso, tamén apuntan que a situación “agrávase” pola presencia do río Gato a escasos metros do vertedoiro, o que supón, en palabras do PSdeG-PSOE de Cartelle, “un risco total de contaminación das súas augas, tanto por filtracións como polo arrastre dos restos destes elementos o leito do río, e en consecuencia, o río Arnoia, do que é afluente”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, destaca que “estamos ante un novo capítulo de inacción do goberno municipal”, xa que tal e como denuncia “levamos meses alertando da proliferación deste vertedoiro, pero o alcalde e o seu equipo seguen sen mover un só dedo para buscar solucións”. O edil socialista considera que estamos ante un “problema que afecta a saúde pública”, motivo polo que esixe unha actuación “inmediata”, coa que se limpe “por completo” a zona e evitar deste xeito a “contaminación” do ecosistema e o medio ambiente.

Pereiras Vázquez subliña que ao longo dos últimos anos Cartelle “é noticia pola proliferación de vertedoiros ilegais e descontrolados”, razón pola que lle solicita ao goberno municipal que “teñan conciencia medio ambiental e que poñan coto e rematen con estas prácticas, que non fan máis que dar unha imaxe deplorable do municipio”. O voceiro socialista alerta asemade de que a proliferación destes vertedoiros ilegais xa lle supuxo ao concello “importantes sancións económicas, que saen dos petos dos veciños e veciñas do municipio”.

PSdeG-PSOE de Cartelle considera que a situación “é insostible” e pídelle ao goberno municipal que procure solucións “inmediatas” que poñan fin a este “desleixo” ao medio ambiente, á veciñanza, ao ecosistema e á saúde. “Rematar con estes focos de contaminación é unha tarefa de todos e todas, pero o concello debe dar exemplo, eliminando canto antes estes vertedoiros e vixiando que non aparezan outros novos”, explica Jesús Pereiras, que finaliza afirmando que “a natureza é o noso ben máis prezado e debemos coidala para procurarlle un bo futuro aos e ás que veñan despois”.