Entrevista ao carballiñés Pablo Alvarez Domínguez que traballa en Ginebra na Organización Europea para a Investigación Nuclear (o CERN)

Pablo Álvarez Domínguez, de pais carballiñeses, a pesar da súa mocidade é un distinguido estudante en Xenebra, onde traballa dende o mes de outubro na Organización Europea para a Investigación Nuclear (o CERN), comunmente coñecido porque entre os experimentos que alí se atopan está o acelerador de partículas (o LHC).

Pablo é coñecido por destacar no ámbito da enxeñería cuántica, pero tamén por non deixar de lado a súa outra paixón: canoista no Real Club Náutico Rodeira de Cangas, onde revalidou este verao o título de subcampión de España de C2-200m.

AVANTAR ACTIVIDADES

Hoxe saberemos un pouco máis da súa traxectoria e de como o destino, e tamén o esforzo, o levaron ata alí.

  • Os teus estudos comezan na Escola de Telecomunicacións, da Universidade Politécnica de Madrid, na que te gradúas cunha nota media de sobresaliente, e marchas a Zúric a estudar nada menos que física cuántica, cal é a razón dese interese por esa ciencia?

A verdade é que durante a carreira, as materias que máis me chamaban a atención eran aquelas que tiñan relación directa coa física ou coas matemáticas. Ademais, canto mais avanzaba nos meus estudos mais me daba conta do relativamente limitado que está o campo da investigación nas telecomunicacións dixitais clásicas, e eu sempre tiven claro que o meu futuro estaba no campo da investigación.

Foi por estes dous motivos que estiven moito tempo dándolle voltas a se merecía a pena cambiar de carreira ou continuar os meus estudos nunha rama científica en lugar da enxeñaría, pero estas dúbidas disolvéronseme rápido cando atopei que a universidade ETH de Zúric ofrecía uns estudos no ámbito da Enxeñería Cuántica: unha disciplina que apenas existe aínda en España e que xunta a funcionalidade da enxeñería coa teoría e a investigación desta rama da física.

  • Teño entendido que acceder a universidade ETH de Zúric non é nada sinxelo, como o conseguiches?

A verdade é que, concretamente no meu máster, a entrada é bastante restrinxida. Penso que no meu caso axudou moito tanto levar unha boa nota media da enxeñaría como contar cun currículum algo máis amplo do estritamente universitario: idiomas, deporte, música, participación en eventos e proxectos persoais son cousas que aquí non se valoran moito pero que son moi importantes cara os criterios de selección no estranxeiro.

  • Fálase moito dos ordenadores cuánticos e do futuro das tecnoloxías cuánticas, pero para que nos entendan os lectores, como lles explicarías de que vai iso da física cuántica e cales son as súas aplicacións?

Chamamos cuántica á física das cousas moi pequenas. Esta rama da física é moi famosa porque a esas escalas as cousas compórtanse dun xeito moi pouco intuitivo, vindo rexidas por leis físicas completamente distintas ás que estamos afeitos. O obxectivo da enxeñería cuántica é ser capaz de aproveitarse deste funcionamento tan estraño que teñen as cousas pequenas para  permitirnos resolver problemas no día a día. Algúns dos campos onde se poden aplicar estas tecnoloxías son a medicina e os dispositivos móbiles (mellores sistemas de sensores), as telecomunicacións e a informática (sistemas exponencialmente máis rápidos e seguros) ou a computación (ordenadores máis potentes).

  • Fas o máster en Enxeñería Cuántica en Zúric, tamén cunha nota media de sobresaliente, e agora desfrutas dunha bolsa de traballo no CERN. De novo un duro proceso de selección,  como accedes a este Centro?

O traballo no CERN, ao ser unha institución diplomática, funciona dun xeito algo distinto ao habitual: só existen certos tipos de contratos, cada un deles formando parte dun programa distinto, en función do perfil que se busque. Estes programas abarcan dende estudantes nos seus últimos anos de universidade ata profesionais con doutorado e anos de experiencia. No meu caso postulei a una praza do primeiro tipo. Si que é un proceso de selección algo duro pero non é para nada imposible: ao final, ao tratarse dunha institución internacional, o criterio de selección é bastante obxectivo e está ben regulado, importando moito certos factores externos como a nacionalidade que fan que xente procedente de España teña boas opcións de ser aceptado.

  • O CERN é a máquina máis grande construída polo ser humano, explícanos que se fai alí, para que serve?

O CERN como tal non é unha máquina, é unha asociación científica onde centenares de grupos de todo o mundo fan investigación en distintas ramas da física. Se ben é verdade que o máis famoso do CERN e o acelerador de partículas (o LHC), existen ducias doutros experimentos dedicados dende á investigación da antimateria ata ao estudo das aplicacións médicas que poden ter as tecnoloxías que desenvolvemos aquí.

No referido ao acelerador, o seu principal uso é o de empurrar ao máximo a tecnoloxía humana para o descubrimento de nova física. Antes da súa existencia, había decenas (ou centos!) de hipóteses distintas acerca de como funciona o universo: dende a súa creación no big bang ata a composición dos átomos que nos forman, cada grupo de físicos teóricos facía hipóteses que intentaban dar resposta as nosas preguntas máis fundamentais.

Malia os esforzos dos científicos, facía falta un experimento capaz de diferenciar cal destas hipóteses era a boa e cales non se cumprían, e é aquí onde entrou en xogo o LHC. Esta máquina é capaz de xerar, baixo circunstancias controladas e millóns de detectores, interaccións entre partículas de moi alta enerxía (13 TeV), sendo capaz de reproducir en certa medida as interaccións que se daban nos primeiros instantes do Universo tras o big bang, e aportando a información necesaria para comprobar cales das teorías son certas.

  • O colisionador de hadróns no que traballas é o acelerador de partículas máis grande do mundo. Hai moita información e moitos mitos que suscitan algúns medos entre a xente.

Os medos que xurdiron entre a poboación en 2008 cando se inaugurou o acelerador  simplemente foron resposta do descoñecemento de ésta cara a unha enorme máquina difícil de explicar, pero a verdade é que non existe motivo algún para lle ter medo: a enerxía que utiliza, aínda que sexa elevada para o que estamos afeitos os humanos, segue sendo moi inferior á que aparece en fenómenos naturais na propia atmosfera, e todo risco para a poboación relativo a fugas de radiación ou semellantes queda totalmente descartado ao atoparse a máis de 100m baixo terra. Ao final, non deixa de ser unha anécdota de medo por descoñecemento, como cando dicían que as televisións nos ían deixar cegos.

  • Cóntanos cal é o traballo de investigación que fas a diario, en que consiste?

En 2027 o LHC vai experimentar unha última actualización (Actualización de Alta Luminosidade, ou HL-LHC) antes de ser retirado por completo. Como parte deste proxecto, vanse anovar os detectores de partículas dos principais experimentos (CMS e ATLAS), xa que os actualmente presentes están xa moi desgastados por tantos anos recibindo altas doses de radiación.

O meu traballo consiste en facer ensaios cos distintos materiais candidatos a ser utilizados nos novos detectores a partires do 2027, comprobando cales son os que mellor resisten os distintos tipos de radiación e como cambian as súas propiedades durante a súa vida útil.

  • Estás satisfeito de tomar esa decisión e traballar nese proxecto?

Si, dende logo. Xa non só a nivel académico ou profesional, onde considero que esta experiencia estame aportando moitísimo xa que estou aprendendo cantidade de cousas novas, senón tamén a nivel persoal, ao estar en contacto con milleiros doutros científicos e enxeñeiros de cantidade de nacionalidades distintas e dedicados a tarefas completamente diferentes.

  • Que expectativas tes de futuro agora? Cando estudabas imaxinabas que estarías onde estás?

Como perspectivas de futuro teño claro que quero seguir desenvolvendo a miña carreira investigadora, e penso que un doutorado é o seguinte paso lóxico neste camiño.

Respecto a imaxinar se acabaría no CERN traballando, a verdade é que non, xa que dende España sempre o miramos como algo moi lonxe e difícil de acadar, cando na realidade non ten por que ser así!

  • Sabemos da túa gran paixón deportiva, o piragüismo. Como compaxinas o teu traballo alí con ela?

Compaxinar deporte e traballo dende logo que non é doado, e máis se falamos de deporte de alto nivel. Este ano tiven que modificar a miña tempada e o meu tipo de adestramento non só para adaptalo á vida laboral senón tamén ao clima da zoa (os Alpes non son o mellor lugar para a práctica de piragüismo de augas tranquilas), pero conto con poder manter un bo nivel cara o próximo Campionato de España.

  • Ademais, tamén teño entendido que tés desenvolvido aplicacións das novas tecnoloxías  para mellorar os rendementos das piraguas de alta competición

Si! As miñas dúas paixóns sempre foron o deporte de alto nivel e a enxeñería, e poder combinar ambas non só dun xeito amateur senón profesional é un dos meus grandes proxectos persoais. Agora mesmo atópome traballando con xente da Federación Galega e do Equipo Nacional, pero espero poder ofrecer servizos a máis grupos de alto nivel moi cedo.

  • Que significa para ti O Carballiño

Para min é algo máis que unha vila, xa que é o lugar das miñas orixes, onde me criei de moi pequeno e onde vive a miña familia. E, como non, tamén son fan do mellor polbo do mundo.