A Policía Local do Carballiño atende máis de 4.000 avisos en 2023

Con 14 efectivos na patrulla e 17 efectivos en total, os axentes da Policía Local do Carballiño realizaron ao longo do ano 2023 mais de 4.000 intervencións, o que supón unha media dunhas 11 actuacións diarias repartidas durante as 24 horas, xa que o persoal está operativa 24 horas ao día e 365 días ao ano. As máis numerosas corresponden a “intervencións de tráfico” de todo tipo (828) xa que a Policía Local ostenta a competencia exclusiva de tráfico en todo o centro urbano do municipio. Séguenlle a “asistencia a persoas” (405), as relacionadas con “seguridade cidadá” (279), e as actuacións relacionadas con animais (261), onde destacan sobre todo as realizadas con cans extraviados ou abandonados. Así mesmo rexistráronse 154 accidentes de tráfico, e instruíronse 255 atestados por diversos delitos; furtos, alcoholemias e lesións, son os mais comúns neste apartado.

En canto aos delitos cometidos neste 2023, destacan as 14 intervencións realizadas en violencia de xénero, ás que hai que sumar outras 5 en violencia doméstica. En total, a Policía Local realizou 8 detencións durante 2023: unha por un delito de agresión e ameazas, outra por malos tratos habituais no ámbito da violencia domestica de parella, e o resto repártense entre delitos de roubo con forza e delitos de atentado contra os axentes da autoridade. Ademais outras 15 persoas foron postas ao dispor xudicial como investigados por presuntos delitos contra a seguridade do tráfico.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cabe destacar que a Policía Local de Carballiño conta cunha Unidade Especifica de Violencia de Xénero, en colaboración coa Garda Civil, que durante este 2023 realizou o seguimento e vixilancia dunhas 12 mulleres con ordes de protección en vigor. Ademais, coincidindo co Día Internacional das Mujeres, esta Unidade recibiu o XVII Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades en recoñecemento a “a súa especial implicación na atención e seguimento coas vítimas da violencia de xero”, outorgado polo Concello de Ourense.

A todas estas intervencións hai que engadir o labor de atención ao público e a resolución de dúbidas a través de chamadas telefónicas, ademais doutros servizos da súa competencia tales como Obxectos Perdidos (Entregáronse 146 obxectos perdidos ao longo do pasado ano), ou a realización de informes para particulares ou administración (realizáronse 248 informes en 2023), ou a denuncia das infraccións relacionadas co tráfico.

Así mesmo requiriuse a presenza dos efectivos policiais para efectuar labores de vixilancia nos grandes eventos tales como a Festa do Polbo, Entroido, Nadal, rallys, as festas de San Cibrao, procesións de Semana Santa, partidos de risco do C.D. Arenteiro, actividades deportivas ou manifestacións, o que supón unha carga de traballo extra para o persoal.