Fernando Grande-Marlaska destaca na Pobra de Trives que da man do Psdeg e de Besteiro “hai esperanza, hai luz e hai camiño cara un futuro mellor na provincia de Ourense”

O ministro socialista fixo fincapé en que o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia “porá punto e final ao abandono nas políticas de loita contra o despoboamento en Ourense, freando o éxodo da veciñanza e dotando de servizos ao rural, para reforzar as cabeceiras de comarca”

Carmen Rodríguez Dacosta puxo de manifesto que Ourense “merece un presidente da Xunta de Galicia que non fuxa dos debates”, en clara alusión a incomparecencia de Rueda esta noite no debate de RTVE

AVANTAR ACTIVIDADES

A alcaldesa, Patricia Domínguez, afirmou que o 18 de febreiro “abrirase un período de cambio, de esperanza, de ilusión e de traballo para recuperar os servizos destruídos polo PP na provincia” e apuntou que o cambio “só o garante a papeleta do PSdeG e de José Ramón Gómez Besteiro”

A Pobra de Trives, 14 de febreiro de 2024. O Ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, destaca na Pobra de Trives que da man do PSdeG-PSOE e de José Ramón Gómez Besteiro “hai esperanza, hai luz e hai un camiño cara un futuro mellor na provincia de Ourense”. O ministro socialista tamén fixo fincapé en que o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia “porá punto e final ao abandono nas políticas de loita contra o despoboamento en Ourense, freando o éxodo da veciñanza e dotando de servizos ao rural, para reforzar as cabeceiras de comarca”.

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un mitin esta tarde na Pobra de Trives, onde participaron, ademais de Grande-Marlaska, a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja; e a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta. Foron centos os veciños e veciñas que non quixeron perderse o acto organizado polos socialistas ourensáns e escoitar de primeira man as propostas que teñen para a comarca e a provincia.

“Besteiro non promete, Besteiro actúa”, afirmou o Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, antes de sinalar que “xerará novas oportunidades para apuntalar o despegue desta provincia e que non siga relegada aos postos de cola dentro do Estado, facilitando a creación de milleiros de postos de traballo e mellorando a calidade de vida da veciñanza”. O máximo responsable de Interior dentro do Goberno de España tamén quixo facer fincapé en que Besteiro “axudará ao emprendemento, levando a cabo plans de despegue económico, apoiando á mocidade, atraendo investimentos e impulsando o sector da pizarra, o turismo rural, ecolóxico e termal”.

“O PSOE quere para Galicia unha sanidade universal e de calidade, ao alcance de todos e todas, independentemente do seu lugar de residencia na xeografía ourensá”, subliñou Marlaska, que tamén apuntou que Besteiro “apostará pola atención primaria, cun plan de choque para garantir que todos os concellos teñan acceso a facultativos e especialistas, reducindo os tempos de agarda, para non colapsar as urxencias, nin obrigar aos veciños e veciñas a desprazarse á capital”. Neste senso, o ministro destacou que “haberá cobertura de prazas de pediatría e outras especialidades nos centros de saúde vacantes como Carballiño, Xinzo ou Verín e reforzarase o persoal sanitario nos hospitais comarcais de Valdeorras e Verín e tamén no Complexo Hospitalario de Ourense”.

Grande-Marlaska aproveitou a súa intervención para subliñar que co PP a provincia de Ourense “quedou relegada a un rol insignificante, pero o PSdeG e Besteiro volverán a convertela nun referente en Galicia, en España e no mundo, a través do desenvolvemento coa diáspora, o fortalecemento e cooperación con Portugal e a promoción dos seus intereses tanto en Santiago, como en Madrid e Bruxelas”. Por último sinalou que “o destino da provincia está nas vosas mans” e sinalou que “xuntos e xuntas loitaremos por un futuro digno e un fogar para todos e todas, por un Ourense que mereza a pena”.

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo de manifesto que Ourense “merece un presidente da Xunta de Galicia que non fuxa dos debates”, en clara alusión a incomparecencia de Rueda esta noite no debate de RTVE. Neste senso, a futura parlamentaria socialista afirmou que a provincia e Galicia “teñen dereito a contrastar as opcións políticas, xa que estamos falando dun exercicio de democracia”. Tamén lle pediu a Rueda que “se deixe de trampas e propaganda irregular”, despois de coñecerse que xa acumula 8 denuncias e 2 sancións directas da xunta electoral.

“O 18 de febreiro temos a oportunidade de pór fin ao desmantelamento e os recortes do PP”, destacou Rodríguez Dacosta, antes de sinalar que “con Besteiro ao fronte da Xunta, solucionaremos os problemas sanitarios, melloraremos as infraestruturas, xeraremos emprego e apostaremos pola vivenda pública, a mocidade, e por suposto, por unha atención digna aos nosos maiores”. Por último, a candidata socialista fixo fincapé en que con Besteiro ao fronte da Xunta “apostaremos polo reequilibrio territorial, dándolle a Trives e a Ourense o impulso que tanto precisan”.

Pola súa banda, a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja, puxo o foco na necesidade de contar cun goberno socialista ao fronte da Xunta para “sentar as bases do cambio en Trivés e na provincia, tanto na forma como no fondo, xa que os concellos precisamos dun goberno autonómico que nos apoie e que non estea ausente como o estivo o PP nestes últimos 14 anos”. A rexedora tamén aproveitou para pór de manifesto que o 18 de febreiro “abrirase un período de cambio, de esperanza, de ilusión e de traballo para recuperar os servizos destruídos polo PP na provincia” e apuntou que o cambio “só o garante a papeleta do PSdeG e de José Ramón Gómez Besteiro”.