José González: “O Partido Popular é o partido do sector primario, o partido do rural, e apoiamos este compromiso con feitos, sempre ao carón dos produtores”

Nun mitin en Verín onde tamén participou o portavoz no Congreso, Miguel Tellado

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente dos populares ourensáns, Luis Menor, sinalou que “pasou o Entroido, pasaron os cigarróns, pero as máscaras continúan. Hai quen leva pegada a careta, como é o caso do BNG, tan amigo de Bildu”. Por iso calquera voto que non sexa para o PP “irá a parar ao independentismo máis radical, o do BNG”

15, febreiro, 2023.

José González

·      O candidato defendeu que o PP é o partido do sector primario, do rural. “E apoiamos este compromiso con feitos, que quedan ben plasmados nesta comarca, un epicentro da Lei da recuperación da terra agraria con ata 4 polígonos agroforestais -entre eles, Oímbra, que será o primeiro de Galicia en entrar en produción- e 3 aldeas modelo”.

·      “Estamos ao carón dos produtores, da terra. Temos moi claras cales son as nosas prioridades, que definen a nosa acción de goberno”, dixo José González, que lembrou as advertencias ao Goberno polas distorsións provocadas pola nova PAC: “Por iso pedimos ao ministro Planas que deixe de prometer diálogo e defenda ao sector, liderando en Bruxelas a petición dunha moratoria inmediata de toda a nova lexislación que está afogando a agricultores e gandeiros”.

·      O sector primario da comarca ten un extraordinario potencial para seguir crecendo, e conta co máximo respaldo da Xunta en sectores centrais como o viño, a carne ou a horta, que contan coas cadansúas estratexias de potenciación.

·      A nosa aposta é ben clara, subliñou o candidato: “afondar na mobilización de terras, favorecer a remuda xeracional e a modernización do agro, cunha dotación orzamentaria no 2024 que chega aos 83 millóns de euros, e ao que sumaremos novas iniciativas como o bono mozo de incorporación ao rural.

·      A prevención dos incendios forestais é un asunto fundamental nunha comarca como Monterrei, cunha alta incidencia histórica de lumes. Así comprometeu o reforzo de infraestruturas preventivas -como a base aérea de Verín-Oímbra ou a nova base do distrito- con novas iniciativas como as áreas cortalumes, o fomento da gandaría en extensivo ou a implantación de figuras da lei de recuperación.

Luis Menor

·      O presidente dos populares ourensáns, Luis Menor, sinalou que “pasou o entroido, pasaron os cigarróns, pero as máscaras continúan. Hai quen leva pegada a careta, como é o caso do BNG, tan amigo de Bildu e con careta estes días para que a xente o esqueza. Por iso temos que lembrar que calquera voto que non sexa para o PP, irá a parar ao independentismo máis radical, o do BNG”

·      Menor fíxose varias preguntas: “Falar, falan moito no BNG. Moito falaban cando pedían un Plan único de Cooperación na Deputación. Cambiamos o modelo, facéndoo máis xusto e equitativo… E sabedes o que fixeron? Votaron que non”

·      A razón de ser do BNG é ir en contra de todo o que propoña o PP: “Fastídialles que o único partido da xente sexamos nós. Porque o PP é o partido da liberdade, da liberdade cultural, da liberdade do idioma, da liberdade de pensamento e da liberdade para actuar”.

·      O presidente dos populares ourensáns advertiu que o domingo xogámonos moito e só hai dúas opcións: Un goberno estable, ou o caos; un programa rigoroso, ou ocorrencias; un presidente solvente; ou unha inexperta que só sabe de independentismo e radicalidade; un equipo preparado e serio, ou un barullo de partidos “que xa comezaron a pelexarse polo poder sen chegar a tocalo”.