O grupo provincial do PP lamenta a “incongruencia” da oposición tras rexeitar a aprobación definitiva da modificación da RPT da Deputación

Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª); César Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Rosendo Fernández; Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

·        Para a portavoz popular, Patricia Torres, “resulta difícil entender que DO votara a favor da aprobación inicial, absténdose BNG e PSOE e agora rexeiten un documento que non recibiu ningún voto en contra por parte da representación sindical na Deputación”

AVANTAR ACTIVIDADES

23, febreiro, 2024. A portavoz do grupo provincial popular, Patricia Torres, lamenta a “incongruencia” da oposición tras rexeitar no pleno celebrado hoxe a aprobación definitiva da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Deputación.

“Resulta difícil entender que DO votara a favor da aprobación inicial, absténdose BNG e PSOE”, apunta Patricia Torres, “e agora rexeiten un documento que non recibiu ningún voto en contra por parte da representación sindical na Deputación”. Unha postura que, para a portavoz popular, “é máis unha resposta política aos resultados das eleccións galegas que a un xeito de posicionarse sobre decisións de goberno”. 

A modificación da RPT, sen cambios desde 2018, foi un dos obxectivos que se marcou Luis Menor trala súa chegada á presidencia da Deputación de Ourense, lembrou a portavoz popular, “pois entendeu que era necesaria unha actualización da RPT para aumentar a calidade dos servizos públicos que se prestan aos cidadáns da provincia e aos seus respectivos concellos”.

Para este fin , considerouse preciso dimensionar e mellorar a xestión do capital humano, “por suposto contando sempre co diálogo e colaboración cos traballadores e os seus representantes sindicais”, explica Torres, destacando que a proposta de modificación presentouse cos informes legais preceptivos e favorables na Mesa Xeral de Negociación “e foi aprobada de forma unánime e sen obxeccións pola parte social”.

As modificacións propostas da RPT son de tipo organizativo e de valoración de postos, aínda que como principal novidade figura a reconversión do Gabinete de Asesoría Xurídica e Asistencia a Municipios nunha nova área de traballo, a novena no organigrama da Deputación de Ourense, reforzándoa con máis postos de traballo e competencias. As novas funcións asignadas a esta área refírense á prestación dos servizos de asistencia, asesoramento e cooperación xurídica, técnica e económico financeira, así como dos servizos de Secretaría-Intervención aos municipios, entre outras.