O grupo popular súmase ás reivindicacións do 8M pedindo á Deputación, Xunta e Goberno medidas para alcanzar a igualdade real e efectiva

·        Nunha moción que presentará ao pleno de marzo afirma que cómpre promover a consciencia das desigualdades sociais que seguen existindo, sublimando nesta liña “a necesidade imperante de investir e de mobilizar recursos para garantir os dereitos das nenas e mulleres, de loitar contra a violencia de xénero e de crear sociedades inclusivas” 

·        Os populares formulan un paquete de dez propostas, dirixidas ás distintas administracións, no que piden entre outras cuestións plans de concienciación; promover a elección de vocacións libres dos prexuízos e estereotipos de xénero; ou unificar todos os fondos finalistas para a prevención e loita contra a violencia de xénero e que todos eles teñan o mesmo tratamento orzamentario

AVANTAR ACTIVIDADES

6, marzo, 2024. O grupo provincial popular presentará no pleno ordinario de marzo, previsto para o día 22, unha moción na que pide á Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Goberno central investimentos e medidas para alcanzar a igualdade real e efectiva, sumándose deste xeito ás reivindicacións nas que se centra a celebración do 8M, o Día Internacional da Muller.

Este ano e baixo o lema Investir nas mulleres, acelerar o progreso, a xornada centra as súas reivindicacións en cinco áreas: acabar coa pobreza e coa desigualdade; poñer en marcha un financiamento transformador para a igualdade de xénero; o desenvolvemento sostible e a sociedade dos coidados; e apoiar os feminismos e movementos que impulsan o cambio.

Explica o grupo popular na súa moción que cómpre promover a consciencia das desigualdades sociais que seguen existindo, sublimando nesta liña “a necesidade imperante de investir e de mobilizar recursos para garantir os dereitos das nenas e mulleres, de loitar contra a violencia de xénero e de crear sociedades inclusivas”.

En Galicia, engade a proposta, deuse un importante paso coa aprobación, en novembro pasado, da Lei de igualdade efectiva de mulleres e homes, medida que consagra o marco da Lei Orgánica 03/2007 para eliminar a discriminación das mulleres e atribuíndo o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á igualdade entre mulleres e homes no eido das competencias da Comunidade Autónoma.

Tomando como base estes aspectos, os populares formulan tres bloques de peticións segundo a administración á que se dirixen. Así piden que a Deputación de Ourense, no marco das súas competencias, fomente plans de conciliación, modelos alternativos de coidados e a empregabilidade das mulleres no tecido económico provincial; colaboración coas asociacións de mulleres dos concellos para promocionar a igualdade en todos os eidos; e que se promova a adhesión dos locais de ocio nocturno dos municipios ao protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas. 

Á Xunta de Galicia solicítalle impulsar o emprendemento feminino e o fomento de mulleres en sectores altamente masculinizados; colaborar coas organizacións na promoción de referentes galegas e actividades de comunicación social e sensibilización: continuar coa formación dos CIM e do persoal orientador das oficinas de emprego e dos centros educativos para promover a elección de vocacións libres dos prexuízos e estereotipos de xénero: fomentar a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio profesional tanto no ámbito público coma no privado: e tamén dar pulo á igualdade na elaboración e execución das políticas administrativas. 

Polo que respecta ao Goberno central, reclámase o incremento dos fondos do Plan Corresponsables para adecuar as accións ás necesidades reais da sociedade, co obxectivo de chegar á maior poboación posible; unificar todos os fondos finalistas para a prevención e loita contra a violencia de xénero e que todos eles teñan o mesmo tratamento orzamentario, así como que a repartición sexa igualitaria e en base a uns criterios xustos e equitativos.