A Deputación mobiliza preto de 300.000 euros á cooperación cos concellos para obras

Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Aisiten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª); César Fernández Gil (VicePresidente 2º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Rosendo Fernández; Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU); Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 466.208,91 euros. Así, para a cooperación activa cos concellos, destínanse 291.759,72 euros, que quedan distribuídos do seguinte xeito: 48.000 euros para melloras na rede de abastecemento do Concello de Baltar; 47.952,88 para beirarrúas en Gomesende; 30.000 para a mellora do firme do camiño o acceso de Ribela, no Irixo; 40.135 euros para acondicionar camiños en Vilaseco e outros lugares do Concello de O Bolo; 39.671,84 euros para a humanización e mellora da área termal do Bañiño, en Punxín; 40.000 para mellorar a capa de rodadura nos núcleos de Barcia e Ibia, en Melón; 34.000 euros a favor do Concello de Vilar de Barrio para o cofinanciamento de proxectos como o parque infantil de Arnuide, a reforma do pavillón polideportivo e unha mini escavadora. Por último, á Asociación de Veciños de Rebordechá concédeselle unha axuda de 12.000 euros para a ampliación e reforma do seu local social.

Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno celebrada esta mañá foi a fixación dos prezos públicos pola prestación do servizo “Escolas de Verán DepOUrtivas”. A prestación deste programa de actividades deportivas, de lecer e de tempo libre a cargo do Servizo de Deportes da Deputación, xorde na necesidade de poñer a disposición das familias ourensás un espazo como o Pazo dos Deportes Paco Paz para contribuír á conciliación da vida laboral, familiar e persoal en períodos vacacionais, á vez que proporciona aos participantes unha contorna programada de aproveitamento do deporte e do tempo libre nun marco de convivencia óptimo e favorecedor das relacións sociais, promovendo a transmisión dos valores positivos do deporte. Así, procúrase un equilibrio nas esferas persoal, familiar e profesional. O custo máximo desta actividade é de 17.256 euros, e tendo en conta que o número máximo de participantes podería ser de 320 rapaces e rapazas, o prezo por participante para cubrir o custe real e efectivo do devandito programa debería ser de 53,93 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

En vista das razóns sociais e de interese público, a Xunta de Goberno aproba a bonificación con carácter xeral dos prezos públicos pola prestación deste servizo, nunha porcentaxe do 44,37%, quedando fixados en 30 euros por usuario e semana.

Tamén foi aprobado o expediente para contratar, por un importe máximo de 157.193,19 euros, a prestación do servizo consistente na provisión da infraestrutura tecnolóxica da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”, no marco do convenio subscrito pola Deputación  coa entidade pública empresarial Red.es para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España.