Este xoves (día 21 ) na tenda OZOCOgz presentación da obra do carballiñes Benxamín Vázquez “Gárgolas de Compostela”

O vindeiro xoves 21 de marzo traemos unha proposta interesantísima á tenda ozoqueira.

Imos presentar a publicación GÁRGOLAS DE COMPOSTELA, unha fantástica obra de investigación e divulgación da autoría do xornalista e escritor carballiñés Benxamín Vázquez González.

AVANTAR ACTIVIDADES

con fotografías de Xaime Cortizo.O autor vai estar acompañado polo arquitecto e membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Óscar Gónfer.

Son “caprichos de canteiro”. Así as define o autor desta guía pioneira, o xornalista Benxamín Vázquez. Gárgolas de Compostela-Compostela Gargoyles (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2022) é a primeira guía de gárgolas desta cidade, quizais o lugar de Europa con maior concentración destas máscaras de pedra medievais e renacentistas, máis de 300, esculpidas nos altos dos edificios históricos na súa zona monumental.

Benxamín Vázquez identifica e explica (cando é posible) 30 das gárgolas máis singulares de Compostela, nunha viaxe visual acompañada por máis de cen magníficas fotografías de Xaime Cortizo, e un plano de localización de todas elas.

Realizadas por canteiros anónimos, a súa función principal era a de servir de desaugue da chuvia dos tellados. O feito de ocupar o espazo máis afastado da rúa deu liberdade total aos seus creadores, sen censuras, para tallar nelas todo tipo de animais fabulosos, antropoides satíricos, monstros mitolóxicos, anxos humanizados…

Esta guía, publicada en tres idiomas (galego, castelán e con tradución ao inglés a cargo de Mark Hughs), explica e retrata cada unha desas 30 gárgolas, das máis singulares e sedutoras da cidade.

“Elas vennos a nós; en cambio nós, ás veces, dificilmente podemos velas a elas, ou reparar nelas”, afirma Benxamín Vázquez, todo un estudoso, dende hai máis de 30 anos, destas máscaras en pedra.