O BNG critica uns orzamentos prexudiciais para as veciñas da Merca.

·         Teresa Garrido: “Os votos do PSOE e do PP valeron para aprobar uns orzamentos cuxa única partida que sobe é a do persoal.”

AVANTAR ACTIVIDADES

·         Unha vez máis, o PP elabora uns orzamentos que non dinamizan os sectores produtivos da Merca e que non palían os reducidos orzamentos dos anos pasados.

A Merca, 22 de marzo de 2024.

A portavoz nacionalista no concello da Merca, Teresa Garrido, denuncia que os orzamentos da Merca son unha mostra do abandono das políticas sociais, dos servizos públicos e que só axudan ao desmantelamento do tecido industrial e asociativo veciñal. Para a concelleira do BNG, o señor Alcalde é o máximo responsable dunhas políticas que levan a ver como cada día se pechan negocios no concello e os máis novos teñen que desprazarse a concellos limítrofes para poder traballar ante a falta de oportunidade que o PP ofrece na Merca.

A maiores, Teresa Garrido non entende como os concelleiros do PSOE votan a favor duns orzamentos que non axudan no social ou no cultural, e que non aplican ningún tipo de incentivo para a actividade económica do concello. “Nós poñemos por diante aos veciños da Merca, como xa dixemos en campaña. Os concelleiros do PSOE parece que queren levarse ben con quen leva 40 anos ferindo de morte o concello, incluso apostando por suxerir incrementar as taxas de saneamento e abastecemento”, asegura a concelleira nacionalista, que foi a única que se opuxo a uns orzamentos letais para a Merca.

No pleno do pasado 21 de marzo o grupo de goberno do concello da Merca, en mans do Partido Popular, aprobou co voto positivo dos populares e dos socialistas os orzamentos para o ano 2024, e que a pesar de ter maioría absoluta, tiveron que esperar 3 meses para presentar uns orzamentos, que para a concelleira nacionalista “son o calco dos anos anteriores, uns orzamentos sen valentía e pouco beneficiosos para a veciñanza”.

A única partida que se incrementa nestes novos orzamentos é a do persoal, cun incremento do 10% “que só ben a demostrar a aposta polo mantemento da rede caciquil do partido popular na Merca”, segundo palabras da concelleira nacionalista.

Despois dun recorte de máis dun 20% os anos anteriores, este mínimo incremento este ano non reviste a situación do concello da Merca, que está nunha situación de paro económico sen precedentes.