Os senadores ourensáns solicitan a moratoria dos alugueres para o comercio, hostalería e restauración

  Pese a que miles de empresarios e autónomos da provincia de Ourense non obtiveron ingreso algún desde hai mes e medio, seguen facendo fronte a todos os gastos derivados do seu negocio, entre eles o aluguer, que ten un maior peso nas contas.

Os propietarios destes negocios, advirten os senadores, seguen a vivir nunha gran incertidume, posto que se está a falar dunha desescalada de dous meses máis e cunha preocupante falta de concreción sobre as medidas de reapertura, que poderían supoñer un importante atranco para a recuperación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os senadores ourensáns, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte, Francisco José Fernandez e Jesús Vázquez, subscribiron unha moción para o seu debate na Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, na que solicitan a adopción de medidas específicas dirixidas ao sector servizos en Galicia (comercio minorista, hostalería e restauración) para que podan facer fronte ao pagamento do alugueiro dos seus locais de negocio durante o período no que tiveron que paralizar a súa actividade.

A moción subliña que milleiros de negocios dedicados comercio minorista, hostalería e restauración permanecen pechados na comunidade autónoma galega desde o pasado 14 de marzo, a causa da pandemia do Covid-19 e a entrada en vigor do Real Decreto 463/2020 que suspendía a súa actividade e apertura ao público por tempo indefinido.

Como resultado destas medidas, destacan os senadores ourensáns, miles de empresarios e autónomos da provincia de Ourense non obtiveron ingreso algún desde hai mes e medio. Unha circunstancia que non lles eximiu de facer fronte a todos os gastos derivados do seu negocio e para continuar de alta na súa actividade, como son  impostos, seguros, créditos, auga, luz e o aluguer dos seus locais. 

Este último aspecto, o aluguer, é precisamente un dos gastos fixos que habitualmente teñen maior peso nas contas dos empresarios e autónomos, que polo de agora carecen de medidas de apoio concretas neste capítulo por parte do Goberno central.

Aínda que o Executivo ven de facer público o seu “Plan para a Transición cara unha Nova Normalidade”, o pequeno comercio, a restauración, hostalería e outros servizos seguen a vivir nunha gran incertidume, posto que se está a falar dunha desescalada de dous meses máis e cunha preocupante falta de concreción desas medidas de reapertura. As condicións para a volta á actividade, como o distanciamento físico entre os clientes ou o peche de áreas comúns, lembran os senadores, suporán un importante atranco para a recuperación destes negocios.

Non obstante, pemes e autónomos, sen novos ingresos, seguirán facendo fronte ao pagamento dos seus alugueres.

En consecuencia, nunha proposta que tamén asinan o resto dos senadores galegos, o Partido Popular solicita que se poñan en marcha medidas específicas dirixidas aos mencionados sectores galegos, que contribúan a facilitar o cumprimento das súas obrigas no tocante aos contratos de aluguer durante o periodo no que mantiveran pechada a súa actividade, incluíndo deste xeito os alugueres dos locais afectados entre os supostos establecidos no artigo 3 do Real Decreto Lei 11/2020, que establece a moratoria da débeda de arrendamento.