O subdelegado do Goberno fai un chamamento á cidadanía para seguir cumprindo as medidas adoptadas por ambos países para reducir a transmisión comunitaria do coronavirus
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou da reapertura este mércores,1 de xullo, dos pasos fronteirizos entre a provincia de Ourense e Portugal. Así, na rede principal de estradas reabren os pasos de Pontebarxas-Melgaço, Ameixoeira-Castro Leboreiro, A Magdalena-Ponte da Barca, A Portela do Home-Geres, Calvos de Randín-Tourem, Baltar-Montealegre, A Xironda- Santo Andre, Feces de Abaixo-Chaves e Manzalvos-Moimenta, así como a autovía A-75 (Verín-Fronteira de Portugal).
Na rede secundaria de estradas igualmente se están a executar labores de retirada da sinalización e de apertura dos pasos fronteirizos.
O subdelegado do Goberno sinalou que esta reapertura “permitirá recuperar os fluxos de tráfico e a convivencia entre os veciños dos municipios fronteirizos de Ourense e Portugal”, sinalando a normalidade no tráfico durante a primeira xornada. Ante o previsible incremento do tránsito de persoas por estes puntos, Emilio González quixo facer un chamamento á cidadanía para seguir cumprindo as medidas adoptadas por ambos países para reducir a transmisión comunitaria do coronavirus, claves para evitar poñer en risco a saúde das persoas e evitar rebrotes.
Emilio González quixo, por último, agradecer o traballo levado a cabo polos funcionarios das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado adscritos aos puntos de control de fronteiras na provincia de Ourense dende o pasado pasado 17 de marzo debido á crise sanitaria producida polo COVID-19.