Os socialistas esixen a dimisión de Jesús Vázquez tras atacar aos hostaleiros e comerciantes de Ourense gravemente afectados pola pandemia

“Atacou ás persoas que o están a pasar mal e procedeu, coma sempre, a defender ao PP facendo partidismo en vez de actuar en defensa da cidade e dos afectados e afectadas”, denunciou Villarino

Reclaman que “Vázquez teña o exercicio de decencia de apartarse de bloquear a cidade” e ao PP que “busque a unha persoa mellor se non quere dimitir” porque a súa actitude e “absolutamente intolerable”

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO

 O PSdeG-PSOE esixe a inmediata dimisión de Jesús Vázquez, tras atacar aos hostaleiros e comerciantes de Ourense afectados pola pandemia durante unha entrevista en Radio Ourense Cadena SER. Os representantes destes sectores reclamaron medidas específicas adaptadas á realidade da crise na cidade e na provincia que está a sufrir as restricións máis duras de España, moito antes que outras zonas de Galicia, pero só atoparon “críticas e malas formas” por parte de Vázquez.

Os socialistas consideran “absolutamente intolerable” que o senador e concelleiro do PP cobre máis de 91.000 euros públicos anuais para criticar con “displicencia e desprezo” aos afectados e afectadas ourensáns pola crise da Covid-19. “Vázquez non pode seguir no seu posto porque, no lugar de preocuparse pola crítica situación da veciñanza e dos empresarios e empresarias, preferiu facer de palmeiro de Núñez Feijóo, desprezando aos máis prexudicados e prexudicadas”, advirten.

O voceiro, Rafa Villarino, asegura que “xa non está xustificada a súa presenza neste consistorio logo das declaracións contra os representantes da hostalería e do pequeno comercio” ourensán. “Atacou directamente a todas as persoas que o están a pasar moi mal e procedeu, coma sempre, a defender ao Partido Popular facendo partidismo en vez de actuar en defensa da cidade e dos afectados e afectadas”, sinalou antes de cualificar os feitos como “moi graves”. “Non é admisible que un representante público” de Ourense “proceda deste xeito en ningún caso”, insistiu.

Os socialistas si defenden as reclamacións destes sectores e por iso impulsaron unha iniciativa nas institucións solicitando medidas específicas para Ourense e un plan de rescate integral. O edil e secretario provincial destacou así mesmo que “a presenza de Jesús Vázquez tampouco é favorable para un pacto na cidade”, co fin de desbloquear o concello da terceira cidade de Galicia, actualmente en mans do “desgoberno” de Jácome e dous concelleiros. “Vázquez adícase unicamente a vetar porque é o único que sabe facer”, advertiu logo de explicar como mantén vetado ao actual portavoz do partido máis votado na terceira cidade de Galicia e tamén ao propio PSdeG-PSOE en todas as súas redes sociais.

“Pedímoslle que teña o exercicio de decencia de apartarse de bloquear a situación desta cidade”, insistiu Villarino porque “non é admisible que Vázquez ataque a nosa hostalería e ao noso pequeno comercio, e tampouco é admisible que bloquee calquera tipo de acordo”. “Pedímoslle ao PP que busque a unha persoa mellor se el non quere dimitir”, concluíu antes de matizar que “nós non imos a vetar pero pedímoslle a Vázquez que tome unha decisión decente por primeira vez na súa carreira política”.