A Deputación de Ourense habilita durante o Nadal un dispositivo especial de atención ás persoas que viven soas

A Área de Benestar da Deputación de Ourense manterá habilitado durante as festas de Nadal un dispositivo especial de atención, seguimento e control dos máis de 1.500 beneficiarios do servizo provincial de Teleasistencia que viven sós, o que representa en torno ao 70 % das máis de 2.000 persoas beneficiarias dun servizo gratuíto que atende a 91 concellos da provincia. 

O dispositivo baséase na prestación de atención diferenciada ás persoas que viven soas, interesándose polas condicións nas que están a pasar este Nadal. Os operadores farán un acompañamento especial en todos aqueles casos nos que se detectan sinais de maior soidade. Ao mesmo tempo, animarán a todos os beneficiarios a utilizar as chamadas de alerta as veces que o necesiten e durante o tempo que precisen, ante as situacións de ansiedade que poden xerar a soidade nestas datas.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais de analizar caso por caso a incidencia do estado de alarma e das restricións sanitarias con respecto aos hábitos nas celebracións de Nadal doutros anos, os operadores tamén controlarán as ausencias domiciliarias co fin de coñecer a porcentaxe de beneficiarios que tiveran a oportunidade de pasar estas festas noutros lugares e na compaña de familiares. A primeiros de decembro eran 196 as persoas que se atopaban nesta situación, cifra que se incrementou ata as 237 o pasado día 23. 

Na actualidade, o sistema de Teleasistencia da Deputación de Ourense atende 24 horas ao día, os 365 días do ano, a 2.181 persoas de 91 municipios de menos de 20.000 habitantes, é dicir, a totalidade da provincia agás o concello da capital. En calquera momento do día ou da noite e con só pulsar o botón dun aparello que deben levar sempre con eles, os usuarios son atendidos de xeito inmediato para resolver calquera tipo de emerxencia. 

Os técnicos sociosanitarios realizan unha media mensual de 10.500 intervencións individualizadas e personalizadas, de modo planificado e a pedimento dos propios operadores. Esta actividade de control permite facer un seguimento continuo e acompañamento regular dos usuarios -recordo de citas médicas, comprobación de rutinas-, facilitando ademais a detección de situacións de risco tanto sanitarias como psicolóxicas.