O prazo para solicitar unha axuda ao alugueiro remata o vindeiro venres 30 de abril

Esta liña de incentivos para o presente exercicio establece un orzamento global de 2,27 millóns de euros

Os menores de 35 anos e os maiores de 65 anos poderán acceder a unha axuda dun importe máximo de 250 euros, por un período dun ano

AVANTAR ACTIVIDADES

As persoas que desexen acceder a unha axuda ao alugueiro dispoñen ata o venres, 30 de abril, para presentar unha solicitude.

Estas subvencións, convocadas no DOG do pasado 30 de marzo, están dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da vivenda habitual a persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos, ás que se destina un orzamento global de 2,27 millóns de euros.

Como en convocatorias anteriores, o programa conta con dúas liñas diferenciadas: unha destinada á poboación en xeral, en cuxo caso o importe máximo da axuda poderá ser de 200 euros ao mes ou, se o solicitante ten máis de 65 anos, de 250 euros; e outra dirixida ao colectivo de menores de 35 anos, que poderán optar grazas a ela a unha subvención de ata 250 euros. A duración da axuda será dun ano.

Trátase dunha convocatoria, enmarcada no Plan estatal de vivenda 2018-2021, que na actualidade xa reciben máis de 5.000 galegos.

Cómpre lembrar que o Goberno galego ten varias liñas de incentivos para axudar aos galegos a sufragar os custe do alugueiro da súa vivenda habitual.

Desde o pasado 6 de abril, as persoas en situación de especial vulnerabilidade pola covid-19 poden solicitar unha axuda. Trátase da segunda vez que se convoca este programa, para ofrecer unha resposta efectiva e específica a aquelas familias e colectivos que viron como se resentían os seus ingresos domésticos debido á pandemia, chegando a máis dun milleiro de beneficiarios en Galicia.

A actual convocatoria ten unha dotación de 2 millóns e, como principal novidade, simplificáronse os anexos que se deben xuntar coa solicitude, modificouse a forma de xustificación para poder cobrar a axuda e tamén se mellorou o modo de pagamento, que en lugar de facerse mes a mes será por anticipado e pago único.

Tamén está aberto o prazo para solicitar unha axuda ao abeiro do Bono de alugueiro social, unha liña de subvencións creada para atender con carácter urxente a unidades de convivencia que pola súa situación de vulnerabilidade teñan dificultades para manter os seus fogares, e o Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, impulsada co mesmo fin pero dirixida a un colectivo especialmente sensible e para o que a vivenda resulta clave.

Estes dous tipos de Bono de alugueiro social convocáronse este ano por un importe global de 3,66 millóns aínda que atendendo á situación provocada pola covid, ambos bonos de alugueiro veranse complementados pola Xunta ata chegar ao 100% do custo das rendas dos beneficiarios, unhas axudas extraordinarias ás que destinará outros 1,98 millóns de euros.