O BNG da Bola espera recibir no pleno do venres explicacións detalladas do caso do falso policía

Unha indisposición da secretaria do Concello da Bola obriga a suspender a sesión ordinaria esta mesma mañá.

O BNG pide máxima transparencia e acceso público para a sesión do venres.

AVANTAR ACTIVIDADES

 “Os concelleiros do BNG esperamos que a secretaria estea ben e se recupere para poder celebrar o pleno pasado mañá venres. Esperamos que ese día a alcaldesa ofrza por fin toda a información sobre o caso do falso policía, porque até hoxe as súas explicacións foron insuficientes e só provocaron máis dúbidas”, dixo Vanesa García, portavoz municipal do BNG da Bola minutos despois de que se coñecese a decisión de suspender o pleno ordinario previsto para este mércores por unha indisposición da secretaria.

Ás once e media, a concelleira nacionalista acudiu a unha reunión previa dos grupos para revisar documentación do pleno e xa nese momento a secretaria mostrou síntomas de non toparse ben. Despois, de volta o Concello para participar no pleno sinalado para as dúas da tarde, os concelleiros nacionalistas atopáronse co anuncio da suspensión do pleno, a causa da indisposición repentina da secretaria. O pleno adíase até o venres día 30 á mesma hora (14:00).

Para o pleno deste mércores a alcaldesa ordenara ademais restrinxir, sen motivo que o xustifique, a presenza no salón de plenos, despois de que o BNG tivera rexistrado unha solicitude para grabar a sesión, que é pública. Ademais, as nacionalistas veñen denunciando nas últimas semanas as confusas explicacións que a alcaldesa está a ofrecer sobre o caso do “falso policía local”, primeiro na resposta por escrito de Teresa Barge, a alcaldesa, a unha interpelación do BNG na que a rexedora engadía algunhas accións (solicitudes dun informe “sobre policía local” e dun “uniforme de policía” por parte do goberno local) que traen novas dúbidas sobre o asunto e as responsabilidades de Barge no asunto. Onte facíase público un decreto da alcaldía do 11 de marzo no que se ordenaba pagamentos e permiso para usar un vehículo municipal á persoa que protagonizou o caso.

O BNG pide máxima transparencia e acceso público o pleno, tal e como marca a lei coas restricións aconsellábeis nun concello nos niveis máis baixos de alarma. E espera que a alcaldesa achegue toda a documentación e información sobre o polémico asunto.