O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual

Foi o autor da primeira “Guía de Carballino”, impresa en Madrid por iniciativa propia en 1961, dedicada “A mis hijas María Elena y María Victoria, para que conserven siempre un recuerdo de la villa en donde nacieron” e froito “de su reconocido amor a la vila del Arenteiro” como recolle no colofón. Mestre, licenciado en Dereito -fixo a carreira “por libre” para anos despois doutorarse-, secretario municipal en varios concellos galegos e españoles, tamén da Deputación de Pontevedra, Oficial Maior do Parlamento de Galicia, experto en Administración Local -ten varios libros sobre o tema- Fariña Jamardo foi secretario do concello do Carballiño entre 1949 e 1959, e foi na vila do Arenteiro onde comezou a súa traxectoria literaria, ademais de participar activamente na súa vida social e cultural con numerosas iniciativas ben salientables, ademais de contribuír á calidade dos cadernos das festas, os populares “programas de man”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cóntalle a Miguel Louzao Outeiro (Madrygal, Nº 8, 2005) que “os anos do Carballiño foron moi bos. Comecei a escribir no Ambiente, que era un órgano de acción católica -na cabeceira, saía como Órgano semanal de Acción Católica de Carballino-, acho que era case o único semanario que se publicaba na Galiza. Alí escribía unhas veces en castelán e a maioría en galego. Alí tamén fixen o primeiro libro de versos en galego, “Carballiño. Poemas a xeito vello para unha vila nova” -foi en 1957, unha edición propia que prologou Otero Pedrayo-. Tamén creei o Boletín de Información do Concello -o título exacto era “Boletín de Información del Excmo. Ayuntamiento de Carballino” [nota do autor]- do que fun redactor único. Neste boletín aparecía toda a información municipal detallada: gastos, ingresos, informacións das sesións e unha sección intitulada Noticiario Municipal, que tiña certo carácter literario e que tiña moita aceptación”. Engade, Fariña Jamardo que “cando levaba alí dez anos recibín unha carta da dirección de Barreiros diésel, dicíndome se quería formar parte da empresa. Aceptei e incorporeime a Madrid”.

Formara parte -e seguramente foi o seu principal promotor- da peña Tasca e Literatura, creada na Casa Gazpara en 1954 e que promoveu varios concursos de poesía para conceder o premio “Fror de toxo”. Foi na estadía no Carballiño cando publicou a súa primeira novela “Señor secretario” (Madrid, 1955) na que hai moito da experiencia propia no Carballiño, e xa en 1957 presentou outra novela, “Pepiño” ao concurso (e gañou) do Centro Galego en Buenos Aires, “déronme os cartos, mais eles non publicaban a obra”, que remataría editándoa do seu peto en Madrid, en 1966. Alférez provisional durante a guerra civil no bando “nacional” por “chamada a quintas”, combateu en Aravaca, tamén na Ciudad Universitaria en Madrid, e afirma ao citado Louzao Outeiro que durante a República, sendo un mozo “daquela xa era galeguista. Podo dicilo a quen queira ver, a quen non… Meu pai, que era de esquerdas, durmía no faiado nunha casa onde estaba seguro e ao final todo mais ou menos se amañou…”.

Fariña Jamardo conservou amizades no Carballiño e non deixou de manter vínculos coa vila pese aos seus numerosos destinos profesionais. Tanto foi así que en 1980, a Deputación de Ourense patrocinoulle “A Liña. Carballiño-Ribadavia, trinta e oito minutos”, coa cuberta e debuxos en interiores, de Xosé Luis de Dios, e ao ano seguinte autoeditou “A Feira do Carballiño”, dúas novelas de marcado carácter costumista nos que tiraba das súas lembranzas dos anos cincuenta. Para a súa presentación, na véspera do Día das Letras Galegas de 1981, organizáronse desde a comisión de Cultura do Concello “en colaboura coas Agrupacións Culturais e Centros Educativos da Vila e coa Deputación Provincial”, un acto que contou coa presenza do daquela presidente Victorino Núñez e máis do autor, e no convite oficial recollíase “invitar a este acto a todos os carballiñeses, prensa, radio e TVE”. Nesta sección de memoria, non se valora a calidade literaria dos textos por unha cuestión de obxectividade, pero no caso deste autor, a súa “Guía de Carballiño” foi modélica para o seu tempo, e só por iso xa será recordado na vila.