As escolas infantís da Xunta iniciarán o vindeiro curso con máis de 8.200 nenos

A Xunta de Galicia publicou hoxe as listas definitivas de admitidos nas súas escolas infantís para o vindeiro curso 2021-2022, que ascende a 8235 nenas e nenos, o que supón un incremento do 2% con respecto ao actual. Este feito coincide coa visita do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, á escola infantil de Elviña, na cidade da Coruña.

A relación completa de admisións pódese consultar nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O prazo para formalizar a matrícula abre mañá martes e remata o vindeiro día 10 de xuño (incluído). As familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno, e facelo a través da sede electrónica da Xunta ou no centro onde obtivera praza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gratuidade para os segundos fillos

O inicio do curso está previsto para o día 6 de setembro e, ao igual que acontece no actual, aplicarase de novo a gratuidade na atención educativa para os segundos fillos e sucesivos. Esta medida beneficiará, unha vez máis, tanto ás escolas infantís da Xunta como ás de iniciativa social, ás privadas e ás municipais que estean ao día nas liquidacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Ademais, as familias cuxos primeiros fillos non accedan a unha praza pública poderán beneficiarse do Bono Concilia, unha axuda directa para inscribilos na escola infantil que elixan.