O BNG leva o pleno unha iniciativa para que a planta superior da fachada do mosteiro se converta en equipamento cultural

IES CHAMOSO LAMAS

Reclama que se estuden os usos museísticos, sociais, educativos e científicos que se lle poidan dar a unha infraestrutura de primeira orde, “que debe ser prioritaria para o futuro desenvolvemento de servizos culturais en Celanova”.

O BNG levará este mércores ao pleno a proposta máis ambiciosa dos últimos anos para revitalizar a oferta cultural de Celanova. O BNG pide que se recupere a planta superior da fachada do mosteiro como equipamento cultural e que se estuden os usos museísticos, sociais, educativos e científicos que se lle poidan dar no contexto patrimonial e histórico da vila.

HIPER MASIDE

As nacionalistas indican que o corpo de mosteiro que compón a fachada oeste, a que dá a praza Maior, constitúe unha infraestrutura de primeira orde que debe ser prioritaria para o futuro desenvolvemento de servizos culturais en Celanova. E chaman ademais a atención a respecto da oportunidade que se abre coa dispoñibilidade do remanente de tesourería -unha bolsa de tres millóns de euros segundo a última información publicada polo Concello-, que se poderá investir até final de ano (mais nada garante que se poida seguir facendo o ano que vén) para negociar os dereitos de uso da propiedade e empezar a acondicionar o espazo.

O BNG pide que a corporación municipal atenda e se tome en serio o legado histórico e cultural de Celanova, que non debe conformarse con promocionarse como plató de series de televisión ou na decoración de rotondas.

Na moción, rexistrada hai dúas semanas, as nacionalistas reclaman da corporación que inste ao goberno municipal “a destinar a parte necesaria do remanente de tesourería á incorporación da propiedade completa e o uso público do segundo andar da fachada occidental do mosteiro de Celanova, no nº 1 da praza Maior”As nacionalistas consideran que esta oportunidade é unha decisión estratéxica que pode abrir Celanova cara un outro modelo de desenvolvemento económico e, polo tanto, social.