Xunta e concello de Cortegada investirán case 50.000 euros para mellorar o acceso a Seixomil

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, asinaron esta tarde un convenio de colaboración

A Xunta de Galicia e o Concello de Cortegada colaborarán na execución dunha actuación urbanística para a mellora dunha fonte-lavadoiro e do acceso principal ao lugar de Seixomil. Así consta no convenio de colaboración asinado esta tarde entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde do municipio ourensán, Avelino de Francisco, para fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto —cun custo estimado de preto de 50.000 euros a cofinanciar entre Xunta e Concello nun 70% e nun 30%, respectivamente— enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno autonómico fai máis dunha década para axudar ás entidades locais na execución de diferentes proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

O obxecto do convenio é levar a cabo unha serie de obras no núcleo singular de Seixomil co fin de mellorar o acceso a este ámbito e recuperar un dos seus elementos patrimoniais: unha fonte. En concreto, o proxecto inclúe a reconstrución dun muro de mampostería coas mesmas características que tiña e a posta en valor e mellora da fonte-lavadoiro, para o que se prevé actuar sobre a cuberta e os pavimentos.

Tras a sinatura do convenio, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento para apoiar técnica e economicamente aos concellos á hora de promover actuacións que, como a de Cortegada, contribúan a dinamizar as vilas galegas e melloren a calidade de vida para os seus veciños.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións en colaboración cos concellos destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.

Así, unha parte destes fondos destinarase a financiar proxectos a través da sinatura de convenios de colaboración como este, no marco do Plan Hurbe, e a outra, á orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes, convocada o pasado mes de marzo cun orzamento de 2,3 millóns de euros e ao abeiro da cal resultaron beneficiarios 39 concellos.