Nota do Psdeg-Psoe: “O BNG súmase ao PP e á tránsfuga Lama e vota en contra de que Xunta e Goberno central subvencionen os avant entre Ourense e Santiago para igualar prezos co eixo atlántico”

Villarino defendeu que a Xunta tamén subvencione as elevadas tarifas para “acabar con esta discriminación ao interior de Galicia”, ao igual que fan outros gobernos autonómicos como o de Castela e León

Outra moción defendida por Elvira Lama, que reclamaba axudas estables e equitativas para asociacións de comercio local e centros comerciais abertos, foi tombada polo PP e pola deputada tránsfuga

AVANTAR ACTIVIDADES

 O BNG sumouse hoxe ao PP e á deputada tránsfuga, Montse Lama, e votou en contra de que a Xunta e o Goberno central subvencionen o elevado prezo dos trens Avant entre Ourense e Santiago. Os nacionalistas negan así a necesidade de igualar estas tarifas coas dos trens de media distancia do Eixo Atlántico, que son un 70 % máis baratos tras unha decisión política en 2015 da exministra do PP, Ana Pastor, que supuxo unha “discriminación co interior de Galicia”.

O tren entre Compostela e Ourense custa actualmente 16 céntimos por quilómetro, mentres que entre a capital galega e Vigo ou A Coruña custa 9 céntimos por quilómetro. A moción que nacionalistas e conservadores rexeitaron, instaba á Xunta e aos ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a subvencionar estes trens, “pola súa importancia para loitar contra o problema demográfico”. Igualmente pedía a Renfe restablecer todas as frecuencias ferroviarias recortadas en Galicia por mor da pandemia.

O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que a proposta é unha “iniciativa de xustiza” para que sexa efectivo “o reequilibrio territorial do que tanto se fala pero que pouco se cumpre”, xa que estamos ante un caso de “discriminación de Ourense” e de “falta de xustiza distributiva”. “Para axudar a esta provincia só teñen un camiño, votar a favor, e votar non é nin de bos nin de malos”, insistiu, antes de amosar o seu “asombro” tras ver ao BNG criticar que a Xunta subvencione estes trens cando o propio Bloque, formando parte do goberno bipartito galego, aprobou en 2007 subvencións aos servizos de media distancia en toda Galicia, mediante un convenio asinado con Renfe.

A diferenza nos prezos entre o interior e a costa galega “ten que ver cun movemento político que fixo no seu día Ana Pastor, quen eximiu á liña da costa galega do que si se fixo en todas as demais liñas de alta velocidade”. “O goberno do Estado no pode facer hoxe o mesmo xa que implicaría novas discriminacións”, matizaron desde o PSdeG-PSOE, polo que cren “adecuado” adoptar esta “medida realista” compartida entre administracións, “similar a do goberno de Castela e León” e ao igual que xa fixo a propia Xunta no pasado.

O Avant Ourense-Santiago é actualmente a terceira relación con máis viaxeiros punto a punto de Galicia. En 2019 sumou 306.800 persoas, estando por diante as relacións A Coruña-Santiago (1.187.300) e Santiago-Vigo (352.400). A relación Ourense-A Coruña do mesmo servizo tivo 187.400 viaxeiros. Polo tanto, case medio millón de persoas empregaron o Avant ata Ourense ese ano.

Axudas ao comercio local

Os socialistas tamén impulsaron no pleno provincial outra iniciativa para crear axudas estables para as asociacións de comercio local e centros comerciais abertos da provincia en réxime de concorrencia competitiva, co fin de acabar cos “repartos a dedo” de Manuel Baltar desde a institución. A proposta foi rexeitada cos votos do PP e da deputada tránsfuga, Monte Lama.

A vicevoceira do PSdeG, Elvira Lama, asegurou que esta iniciativa “pretende favorecer” ao comercio “que está a atravesar un momento crítico en todo o país, pero especialmente nesta provincia”. “Moitas destas asociacións xa presentaron iniciativas ante a Deputación de Ourense e só obtiveron a calada por resposta”, denunciou en referencia ao “nulo” papel do goberno de Baltar neste sentido.

“Esta moción é para axudar a todos aqueles que unen esforzos en defensa dos seus intereses”, matizou Lama quen recordou como ela mesma formou parte deste tipo de asociacións. “A situación non é nova porque a competencia co comercio electrónico é voraz desde hai anos, pero agora a situación foi agravada pola crise da Covid”, recordou antes de sinalar que os “comerciantes se senten desamparados” e que “cada semana pechan cinco comercios na provincia”. “Esta moción trata de dar osíxeno ao comercio local”, aseverou antes de concluír asegurando que “un non a esta moción é condenalos a pasalas canutas”.

A proposta demandaba unha liña de axudas de concorrencia competitiva con criterios obxectivos e igualitarios, a través dunha modificación de crédito de 500.000 euros neste 2021. Tamén pedía que estas axudas perduren en vindeiros exercicios. Igualmente reclamaba a creación do “Plan Estratéxico do Comercio de Ourense”, en colaboración coas asociacións e centros comerciais abertos, para “desenvolver accións colectivas de promoción comercial, que permitan mellorar a competitividade e impulsar a modernización do sector comercial e de establecementos de venda directa”.