O Psdeg-Psoe de Ourense consegue o apoio do pleno municipal para que a ponte nova pase a chamarse ponte de Federico García Lorca

A moción socialista para instar á Xunta e á Deputación de Ourense a pór en marcha unha campaña conxunta de promoción da Vía da Prata foi aprobada por unanimidade cunha emenda de adición do PP

Jácome, Ojea e Ucha votaron en contra da iniciativa socialista a prol de reactivar o Centro de Iniciativas Empresariais de Ourense, que recibiu o apoio do resto de grupos

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de conseguir o apoio do pleno municipal para que a Ponte Nova pase a chamarse Ponte de Federico García Lorca, en agradecemento pola deferencia que tivo o poeta granadino con Galicia, así como para pasar a formar parte do conxunto de cidades e provincias españolas que honran o legado literario do poeta a través da toponimia urbana.

Na súa exposición da moción, a concelleira Rosa Martínez defendeu que “o amor inmenso de Lorca por Galicia non foi suficientemente correspondido” por parte da cidade de Ourense, a única –xunto con Ceuta–, que carece de referencias ao poeta mártir no seu rueiro.

“Trátase dun agravio histórico que debemos corrixir axiña”, defendeu a  propoñente da iniciativa, quen fixo fincapé en que García Lorca deixou “sobrada constancia do seu amor por Galicia” a través da súa achega lírica á nosa lingua co seu breve poemario Seis Poemas Galegos, obra pola que foi nominado polo pleno da Real Academia Galega para protagonizar o Día das Letras Galegas 2022.

A socialista fixo referencia á localización da Ponte Nova como un dos motivos de peso para recibir o nome do poeta español máis universal, ao ubicarse nunha confluencia de rúas e avenidas dedicadas a escritores como Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Vicente Risco, José Ángel Valente ou Alfredo Brañas, e cuxa interacción daría lugar a un auténtico “conglomerado literario” no trazado urbano. “Especialmente significativa é a proximidade do instituto Blanco Amor” esgrimiu a socialista, en relación á especial amizade entre o poeta granadino e o autor de A Esmorga.

Revitalizar a Vía da Prata

O concelleiro Javier Rey presentou unha iniciativa que obtivo a aprobación unánime da corporación –coa emenda de adición proposta polo Partido Popular, que os socialistas votaron en contra– para instar á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial a lanzar unha campaña de promoción da Vía da Prata co obxectivo obxectivo de deter a “alarmante sangría de peregrinos” que padece este tramo do Camiño de Santiago, aproveitando o tirón turístico do Xacobeo extraordinario 2021-2022 e a inminente chegada do AVE a Ourense.  

“Dentro de poucos meses, imos ter 10 millóns de persoas a unhas dúas horas de Ourense, grazas á chegada da alta velocidade. É unha oportunidade moi interesante que hai que aproveitar para negociar unha oferta de lanzamento con Renfe vinculada ao Ano Santo. Se a isto engadimos que o camiño dende Ourense ofrece un reclamo turístico fundamental como é obter a Compostela, consideramos que temos razóns máis que suficientes para aproveitar esta oportunidade”, defendeu Rey.

No texto da moción, os socialistas sinalan que a pandemia agravou a “preocupante situación de crise” que padecía este tramo do Camiño de Santiago, que malia permitir obter a Compostela, “conta coa menor demanda de peregrinos en relación ao resto de alternativas xacobeas” e foi “o único roteiro que perdeu peregrinos tanto na Semana Santa como no verán de 2019”.

A este respecto, Rey apuntou ao deterioro da Vía da Prata como consecuencia da falta de investimentos por parte da Xunta de Galicia, que contrastou co “desenvolvemento espectacular” do Camiño Portugués “grazas á vía aérea”, chegando a “facerlle sombra” ao Camiño Francés.

“Nós o que pedimos é xustiza, queremos que se promocione a Vía da Prata, que aproveitemos a chegada do AVE grazas a un goberno socialista que cumpre cos prazos e vaia acompasado cunha serie de intervencións como a posta en valor deste camiño”.

Desmantelamento do CIE

Ademais, os socialistas defenderon unha iniciativa que obtivo o respaldo de toda a corporación excepto do grupo de goberno, que votou en contra, para deter o baleirado dos viveiros de empresa municipais por parte de Jácome, logo de que o alcalde emitira unha providencia para ordenar que os inquilinos desaloxasen os espazos antes do remate do mes de agosto, segundo explicou a concelleira Juana Ageitos.

“Que pretende facer vostede co  CIE? Desvestir un santo para vestir outro? Esta proposta é outro paso máis cara a consolidar outro desmantelamento caprichoso e interesado, como ocorreu coa Molinera e a aula CEMIT?” inquiriu a concelleira, ao tempo que aludiu á responsabilidade do Partido Popular: “vostedes que sempre defenderon neste pleno municipal o valor do CIE para a promoción da cultura emprendedora, que van facer agora que cogobernan no Concello?”.

Así mesmo, Ageitos censurou que o alcalde recorte servizos orientados a axudar ás persoas desempregadas e a apoiar proxectos empresariais mentres continúa desviando fondos públicos cara ao seu Centro de Intelixencia Artificial, no que xa leva “despilfarrado” preto de 2 millóns de euros –destacou a concelleira–, unha cifra que provén de sumar gastos de persoal coa remodelación de despachos e a adquisición de novo material informático.

Neste sentido, Ageitos solicitoulle ao alcalde “saber que levan feito nestes anos no seu Centro de Intelixencia Artificial, ademais de esquilmar as arcas públicas”, posto que as tarefas máis básicas encargadas a este novo “chiringuito” do rexedor “seguen sen ver a luz”, como subliñan os socialistas na moción, entre as que se atopan a nova web do Concello, o sistema de control horario e fichaxe dos funcionarios ou a nova marketplace para o comercio local.