A Xunta anima ó sector da vivenda de Ourense a aproveitar as axudas para a rehabilitación e aluguer

A Xunta de Galicia anima ao sector da vivenda da provincia de Ourense a aproveitar a oportunidade que ofrecen os fondos europeos para reforzar a súa aposta pola rehabilitación residencial e, en especial, pola mellora da eficiencia enerxética de inmobles, un obxectivo que mobilizará nos vindeiros anos 360 millóns de euros en toda Galicia.

Esta foi a mensaxe que lle trasladou esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acompañado do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, ao cento de profesionais presentes nunha reunión sobre as actuacións e políticas de vivenda neste ano da Administración autonómica.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, o director xeral do IGVS explicou que as liñas de axudas propias da Xunta nesta materia estanse a ver reforzadas polos novos programas financiados con fondos europeos, que xa se están a convocar cunha dotación global de 117 millóns de euros.

Así, explicou que este orzamento permitirá intervir enerxeticamente sobre unha previsión de máis de 1.300 vivendas na provincia de Ourense, facéndoas máis sostibles e acadando un aforro aproximado de 5,6 Tn anuais de CO2 por cada inmoble.

Segundo indicou, o esforzo orzamentario “sen precedentes” que fará o Goberno galego o ano que vén en materia de rehabilitación residencial e, máis concretamente, en eficiencia enerxética calcúlase que beneficiará a máis de 1.800 familias da provincia e xerará uns 2.000 postos de traballo.

Por iso, considerou que as empresas ourensás relacionadas coa vivenda deben aproveitar as “oportunidades” que se están a abrir no campo da rehabilitación residencial, máxime cando o sector atravesa un momento “complexo”, marcado pola escaseza de materias primas, os problemas relacionados co subministro de materiais ou o aumento dos prezos do transporte e da enerxía.

“O Goberno galego aspira a contar coa colaboración dos sectores da provincia relacionados coa construción, arquitectura, xestoría, etc., pezas clave para garantir a recuperación económica de Ourense”, subliñou, pola súa banda, o delegado territorial, que tamén destacou “o desexo de sumar os esforzos dos concellos, especialmente o de Ourense, federación de asociacións de veciños, colectivos profesionais e medios de comunicación, co obxectivo de dar a coñecer todas as axudas para a adquisición, alugueiro ou rehabilitación de vivenda, tanto para eficiencia como para accesibilidade e conservación, o que vai a favorecer as posibilidades de acceso á vivenda en condicións favorables, contribuirá a mellorar as paisaxes urbanas e axudará a crear emprego”.

Gabriel Alen tamén recalcou que “outros dos obxectivos, tal como estamos a facer co concello de Ourense, é dinamizar ás ARI (áreas de rehabilitación integral) e a posible declaración dunha Área Rexurbe, que fomentan a creación de vivendas de promoción pública, e melloran as condicións das contornas urbanas – e recalcou- a necesidade de inscribirse no rexistro de demandantes do IGVS para ter acceso a estas vivendas” .

Axudas co prazo de convocatoria xa aberto

O director xeral do IGVS tamén incidiu naquelas axudas cuxo prazo de solicitude xa está aberto, como é o caso do PREE 5000, para concellos do reto demográfico, é dicir, con menos de 5.000 habitantes ou con menos de 20.000 no caso de que ningún dos seus núcleos supere os 5.000. É dicir, a gran maioría dos municipios da provincia.

Esta convocatoria, dotada con fondos europeos, conta cunha dotación total de 3,8 millóns de euros e o prazo está aberto ata o 30 de setembro. Os interesados beneficiaranse dunha subvención que pode chegar a cubrir ata o 100% do custo da obra, cuxo obxectivo é unha mellora da eficiencia enerxética de ata un 30%.

Así mesmo, a Xunta ofrece axudas para adquirir unha vivenda nun dos centros históricos da provincia. Tamén ata o 30 de setembro pódense presentar as solicitudes do incentivo que, con carácter xeral, é de 10.800 euros, aínda que se incrementa ata os 12.800 euros se o solicitante ten menos de 35 anos. Ademais, no caso do casco vello de Ribadavia, declarado Área Rexurbe, chega ata os 15.000 euros. O orzamento é de 500.000 euros.

Por último, Heriberto García lembrou que o pasado martes abriu o prazo para que os veciños da área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra melloren o estado actual das súas vivendas a través de axudas de ata 25.000 euros. Para este fin, o IGVS pon á disposición case 570.000 euros para o actual exercicio, ata o 30 de setembro.