A Coupe de la Jeunesse acredita á provincia de Ourense coma sede da proba en agosto

Ás -10.30 horas: Winter Meeting de la Coupe de la Jeunesse 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, intervén na Winter Meeting de la Coupe de la Jeunesse 2022, a prestixiosa competición internacional de remo que se celebrará este ano en Castrelo de Miño entre o 5 e o 7 de agosto. Tamén acompañan non acto Gary Harris (Presidente da Coupe de la Jeunesse) e Asunción Loriente Pérez (Presidenta da Federación española de remo). Lugar: Balneario de Laias. Haberá intervención aberta aos medios e os gráficos poderán tomar recursos durante o encontro.

A organización da Coupe de la Jeunesse enviou ao Club Náutico de Castrelo e a Cerlac-Caldaria as acreditacións que os sinalan coma sedes oficiais da competición, que se disputará entre o 5 e o 7 de agosto do 2022. Nunha carta asinada pola secretaria xeral da Coupe de la Jeunesse, Gwenda Stevens, á volta da celebración da “winter meeting” no Balneario de Laias, a organización móstrase segura do éxito da proba: “Estamos convencidos que será unha edición moi exitosa, e o será por trixésimo oitava vez”. Neste mesmo documento, a organización destaca o perfil internacional da proba: “Dezaseis países participarán para asegurar que esta será unha regata de alto nivel”.

O presidente da Deputación de Ourense, institución decisiva para a celebración desta competición en Castrelo de Miño -como lembrou a propia presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente-, sinala a súa satisfacción: “É unha gran nova recibir as certificacións e todas as cuestións que acreditan as capacidades organizativas da provincia para poñer en marcha unha proba internacional das características da Coupe de la Jeunesse”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta documentación acredita, polo tanto, o éxito da “winter meeting” celebrada o pasado 19 de febreiro no Balneario de Laias, na que o comité organizador da competición -co reelixido presidente da Coupe de la Jeunesse, Gary Harris, directivos, asesores técnicos, responsables federativos e os delegados dos dezaseis países participantes- puido comprobar sobre o terreo as infraestruturas, as conexións de transporte ou os recursos hoteleiros da provincia. Tras recoller en 2021 en Linz (Austria) a bandeira que acredita a Ourense como organizadora, Manuel Baltar defendeu nesta xuntanza de traballo a capacidade organizativa da provincia, remarcando a importancia da chegada da Alta Velocidade e blindando o apoio do goberno provincial. Tal e como sinalou en Laias, o presidente da Deputación está convencido do éxito da proba: “Non so para os deportistas -que quedarán convencidos do entorno e da nosa capacidade organizativa- senón tamén dos responsables federativos, xornalistas, familiares e público”.

Avanza Manuel Baltar que esta proba é “a antesala de futuros campionatos internacionais que farán de Castrelo de Miño un sitio de competición de referencia internacional, como xa é agora xunto a Laias e Arnoia para a práctica do piragüismo e do remo en España”. No bicentenario da Deputación, o presidente desta institución resalta que estamos organizando “unha proba de evidente prestixio internacional, e polo tanto temos ante nós unha oportunidade para que Ourense, como ten feito noutras esferas organizando eventos como pode ser o próximo Congreso Mundial de Termalismo, sexa un referente internacional no remo”.

Prestixiosa competición internacional de remo

A Coupe de la Jeunesse é unha proba de remo que se desenrola de modo anual entre os mellores remeiros de dezaseis países europeos, con idades entre os 16 e os 18 anos. O presidente da Deputación ten situado esta competición como o “produto dun traballo de moito tempo e da alianza coa Federación Española de Remo”. Neste sentido, esta primeira proba internacional de remo que se disputará en Ourense é un paso máis na consolidación da provincia como sede de competición de referencia de remo e piragüismo, despois de xa estar asentada como lugar de adestramento para seleccións nacionais e internacionais.