A Xunta incorpora a preto de 1.000 traballadores ao operativo de prevención e extinción de incendios forestais no rural

A Xunta reincorpora a preto dun milleiro de traballadores que ocupan postos descontinuos de seis meses ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta, cumprindo así as previsións da Consellería de Medio Rural de reforzar estas tarefas antes da chegada do verán. Estes empregados permanecerán activos ata o 17 de novembro.

O persoal que se incorpora agrúpase en dous grupos: por unha banda, o vinculado directamente coa prevención e extinción de incendios e que forman parte das brigadas que son bombeiros forestais nas categorías de Xefes de Brigada, Condutor e Bombeiros e, por outra banda, persoal con tarefas de apoio e loxística que se dividen en persoal técnico, emisoras, gardas de seguridade e operadores de codificadores. Deste xeito, refórzanse os medios, tanto humanos como materiais, para o bo funcionamento do servizo de loita contra incendios forestais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, a incorporación deste semestre descontinuo suporá un importante impulso para a execución, antes do inicio do período de alto risco, dos traballos incluídos no Plan Preventivo aprobado pola Xunta. Este plan suporá un investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas de territorio e 5.780 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outras actuacións.