Deputación, Concello e Clúster da Lousa avanzan nun proxecto pioneiro de turismo industrial en Carballeda de Valdeorras

Visita Manuel Baltar (Presedente da Deputación Ourense) as minas de Pena-Queivane (Casaio - Carballeda de Valdeorras). Acompañan ó Presidente da Deputación Ourense Victor Cobo Arias (Presidente de Cluster) e María del Carmen González Quintela (Alcaldesa de Carballeda de Vadeorras) e os membros do cluster da pizarra.

Manuel Baltar visitou hoxe dúas zonas de explotación na parroquia de Casaio para coñecer de primeira man o potencial turístico destas canteiras: “Un proxecto ambicioso que contribúe ao coñecemento do sector e á promoción de espazos onde se compatibiliza a industria extractiva co medio ambiente e paraxes sen comparanza” 

A alcaldesa, María del Carmen González, destacou que “este é un tipo de turismo diferente ao que estamos acostumados en Galicia, pero que noutros países ten cada vez máis éxito”. Víctor Cobo, presidente do Clúster, sinalou que esta iniciativa contribuirá “a visibilizar a  relevancia que o noso ámbito de actividade posúe no entorno e a poñer en valor o noso traballo” 

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto baséase en visitas ás explotacións, ás naves de elaboración, ás paisaxes singulares xeradas nas canteiras pola auga de chuvia e mailo aproveitamento doutros recursos do concello como o teixadal de Casaio, o bosque de teixos máis grande de Europa. 

A Deputación de Ourense, o Concello de Carballeda de Valdeorras e o Clúster da Lousa están a avanzar no desenvolvemento dun proxecto de turismo industrial pioneiro en Galicia, no que se promoverán as visitas ás explotacións da zona e ás paraxes que as rodean, dando ademais unha maior visibilidade a un sector clave na economía ourensá e galega. O presidente Manuel Baltar visitou hoxe os lugares de Caborco Oscuro e Pena Airola-Queivane, na parroquia de Casaio, para coñecer de primeira man o potencial turístico destas canteiras, un recurso que tamén pode resultar de interese como escenario para as producións audiovisuais que promove a Deputación na provincia. 

Na súa visita institucional a Carballeda de Valdeorras, que ademais das explotacións incluíu un encontro na sede do Clúster da Lousa, Manuel Baltar estivo acompañado pola alcaldesa, María del Carmen González, e o presidente da entidade que representa ao sector, Víctor Cobo. 

Manuel Baltar deixou constancia da súa satisfacción por colaborar “nun proxecto ambicioso e pioneiro, que contribúe ao coñecemento do sector e á promoción de espazos onde se compatibiliza a industria extractiva co medio ambiente e paraxes sen comparanza”. Este labor, engadiu, “reflectirase nas visitas á comarca grazas á promoción que imos realizar deste tipo de turismo, pero onde tamén teñen encaixe as rodaxes audiovisuais para difundir unha das fontes de riqueza máis importantes da provincia e de Galicia”. 

Para a Deputación “a palabra clave no seu labor de goberno é cooperación”, destacou Manuel Baltar, que comprometeu a inclusión do turismo industrial entre as prioridades do Inorde, animando aos responsables do Clúster da Lousa a presentar novos proxectos para 2023 que poidan contar co apoio da Deputación: “Todo territorio é de interese xeral para a provincia, sobre todo unha comarca como Valdeorras cunha industria tan importante e un futuro tan relevante”.  

Unha iniciativa de éxito noutros países 

María del Carmen González non só agradeceu a visita institucional do presidente provincial, senón tamén a resposta que sempre atopou o Clúster da Lousa na Deputación “como unha institución amiga”. A alcaldesa definiu este proxecto como “un tipo de turismo diferente ao que estamos acostumados en Galicia, pero que noutros países de Europa e do resto do mundo ten cada vez máis éxito”, citando como exemplo próximo as Médulas no Bierzo. 

Víctor Cobo tamén destacou que o proxecto de turismo industrial contribuirá “a visibilizar a  relevancia que o noso ámbito de actividade posúe no entorno e a poñer en valor o noso traballo”. A produción e comercialización da lousa, explicou, é o principal motor económico da comarca de Valdeorras e un dos máis relevantes da provincia de Ourense, “chegando a crear preto de 10.000 postos de traballo directos e indirectos, polo que xoga un papel clave para asentar poboación no rural”. 

Desde as canteiras en activo ata paraxes relacionadas coa industria 

O proxecto de turismo industrial relacionado co sector da lousa en Carballeda de Valdeorras baséase, seguindo a liña do que se fai noutros países como o Reino Unido, na organización de visitas que permitan coñecer todo o proceso ao que se somete esta pedra, comezando por observar desde miradores como as grandes máquinas extraen os rachóns de lousa, para continuar despois nas naves de elaboración onde a pedra se corta en pezas máis pequeñas e os labradores danlle a forma que logo podemos ver en enlousados ou fachadas. 

As visitas complementaríanse aproveitando as singulares paisaxes que rodean estas zonas industriais, como as lagoas creadas pola auga de chuvia nas antigas explotacións de lousa, ou un dos grandes recursos turísticos do concello como é o teixadal de Casaio, o bosque de teixos máis grande de Europa.