O conselleiro do Medio Rural destacou a Estratexia de dinamización económica, territoria
José González salientou tamén a importancia da aldea modelo de Osmo, a primeira posta en marcha en Galicia, na dinamización do territorio e da produción agrogandeira deste municipio ourensán e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia como elemento de impulso deste eido
O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado a localidade de Cenlle para acudir á XVI Festa do viño tinto, amparado pola denominación de orixe Ribeiro. Alí, puxo en valor o papel do sector vitivinícola tanto en Galicia como en España e o compromiso da Xunta para reforzar e facer crecer este eido produtivo.
González, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, comezou o seu discurso reflexionando sobre a relación entre o Ribeiro e o sector do viño, unha relación que “vai máis aló do comercial grazas a actividades coma esta festa”, remarcou. Nesa liña, o conselleiro destacou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector, como elemento dinamizador deste eido produtivo.
O conselleiro tamén destacou a futura sección Galicia Calidade Alimentaria, que albergará e dará pulo aos produtos do agro galego de calidade diferenciada, así como a campaña Galicia Etiqueta Calidade, centrada na divulgación da súa excelencia.
Por outra banda, José González tamén se referiu á aldea modelo de Osmo, a primeira das súas características en Galicia, como un instrumento creado ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria que contribuíu á dinamización do territorio rural deste municipio ourensán.
O conselleiro concluíu a súa intervención recordando o compromiso da Xunta co rural e co sector vitivinícola, que se plasma -entre outras medidas- mediante a posta a disposición do sector dos mecanismos que habilita a devandita norma, co obxectivo de que as terras sexan mobilizadas e recuperadas, entre outros usos, para o cultivo das vides.
A denominación de orixe Ribeiro ampara a preto de 1.700 viticultores e case un cento de industrias, cunha produción de uva que no ano 2020 superou os 9,5 millóns de quilos e un valor económico estimado en 31,6 millóns de euros.