O 15 de setembro iniciase o novo Calendario Vacinal que incorpora a vacina contra o virus do papiloma, a meninxite B e a gripe á poboación infantil

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participa na presentación do Calendario de vacinación ao longo da vida. Consellería de Sanidade, 07/09/22.

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, avanzou que o 15 de setembro iniciarase o novo Calendario Vacinal unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión de mañá. O calendario incorpora as novas vacinas contra o virus do papiloma humano, a meninxite B e a gripe aos nenos e nenas, comprometidas polo titular do Goberno galego no debate de investidura.

Rueda explicou que a partir dese mesmo día comezarase a administrar a vacina do virus do papiloma humano aos nenos de 12 anos, mentres que desde o 1 de novembro administrarase a vacina contra a meninxite B con dúas doses aos 2 e 4 meses, máis unha terceira de recordo ao alcanzar os 12 meses. A vacina antigripal programarase durante o mes de outubro.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cómpre precisar que ata o momento a vacina contra o virus do papiloma humano só se administraba ás nenas e a de meninxite B, pola súa banda, era adquirido de xeito particular por numerosas familias. Ademais, o cambio da vacina contra a meninxite C por outra tetravalente realizarase tamén nos nenos de 12 meses.

No transcurso da presentación do Calendario Vacinal ao longo da vida –no que se unifican os calendarios infantil e de adultos—, Rueda salientou o triplo esforzo realizado para lograr que Galicia sexa “unha comunidade de referencia en vacinación infantil”. Agradeceu tamén “o traballoda Dirección Xeral de Saúde Pública e de todos os profesionais sanitarios ao longo dos anos para lograr que os galegos confiemos na vacinación como un sistema de prevención fundamental”.

Nesta liña, o orzamento do programa galego de vacinación superará en 2023 os 23 millóns de euros, 4,6 millóns máis que en 2022 debido á incorporación destas novas vacinas.

Finalmente, o presidente da Xunta subliñou a importancia da prevención na política sanitaria, eido no que Galicia se sitúa á cabeza grazas á vacinación incluída no novo Calendario, aos cribados en adultos –como o de cancro de mama, colon e a extensión prevista na lexislatura do cribado de cancro de cérvix— e os cribados neonatais.