A Xunta e o Concello de Cortegada asinan o convenio de colaboración para dotar de sistema de saneamento a zona suroeste do núcleo de Seixomil

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou este acordo co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco

Augas de Galicia achegará 40.000 € para financiar integramente as obras e o Concello asumirá a súa contratación e execución, ademais da titularidade das nova Infraestruturas

AVANTAR ACTIVIDADES

A actuación permitirá dotar ás vivendas situadas nesta zona do concello dispor de sistema de saneamento colectivo
 

O proxecto inclúe a dotación dun acceso permanente para vehículos agrícolas ás fincas da zona oeste, onde na actualidade só é posible o acceso peonil
 

Con estas obras todo o concello de Cortegada estará conectado á rede municipal de sumidoiros
 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que presten de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, o convenio de colaboración para dotar de sistema de saneamento municipal a zona suroeste do núcleo de Seixomil.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, financiará integramente as obras, coa achega de 40.000 euros, e prestará asesoramento técnico para a execución da actuación.

Pola súa banda, o Concello de Cortegada será o encargado de contratar as obras e asume o mantemento destas infraestruturas hidráulicas.

Na actualidade, o núcleo rural de Seixomil conta só parcialmente co servizo de saneamento, carecendo deste sistema a zona suroeste, con diversas vivendas habitadas permanentemente.

O obxectivo da actuación é o remate completo do saneamento neste núcleo, ademais de dotar dun acceso permanente para vehículos agrícolas ás fincas da zona oeste, onde na actualidade só é posible o acceso peonil.

Estas intervencións, no seu conxunto, permitirán completar totalmente o sistema de sumidoiros do municipio.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.